Anker prepara un flash para o iPhone 11

venres, 27 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Apple engadiu hai pouco no seu programa de licenzas Made-for-iPhone (MFi) as especificacións para accesorios de iluminacións fotográfica conectados a través do porto Lightning do móbil, e xa se filtrou cal será un dos primeiros produtos desta categoría: o iPhone LED Flash de Anker.
Estamos ante un flash para o iPhone 11 ou 11 Pro que emprega o conector Lightning para sincronizarse coa cámara traseira do iPhone e que funcionará tanto coa aplicación de cámara nativa como nas de terceiros. Este pequeno flash promete dobrar o rango de iluminación e cuadriplicar o brillo do flash integrado no teléfono, e incluso pode redirixirse lixeiramente para empregalo como luz de recheo, sendo posible tamén colocarlle un difusor de plástico.
O fabricante promete unha autonomía de até 10.000 disparos de flash por carga, o prezo de venda será de 49,99 dólares e, aínda que inicialmente filtrouse que sairía á venda hoxe mesmo, non será até xaneiro cando chegará ás tendas como un novo tipo de produto, que de seguro que non será o único en saír á venda nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE