Apple anuncia que repartirá dividendos e que vendeu 3 millóns de unidades do novo iPad

luns, 19 de marzo do 2012 Marcus Fernández

O pasado venres saíu á venda en EE.UU., Australia, Canadá, Francia, Alemaña, Hong Kong, Xapón, Porto Rico, Singapur, Suíza, Reino Unido e Illas Virxes o novo iPad, que coa súa pantalla Retina, un procesador A5X e unha cámara de 5 Mpíxeles capaz de gravar vídeo a 1.080p convenceu a numerosos consumidores para converterse no lanzamento dun iPad máis forte ata o momento, con 3 millóns de unidades vendidas, polo que este venres, cando o tablet de Apple chegará a 24 países máis, agárdase unha resposta igualmente impresionante.
Habería que coller estes datos con pinzas, pois realmente non é posible comprar os lanzamentos do iPad en anos sucesivos, pois estreouse en distinto número de países, e tamén chega con prestacións que non se ven do mesmo xeito en cada país (as frecuencias nas que opera o LTE do novo iPad non son compatibles, por exemplo, coas novas redes europeas de banda larga móbil, polo que os operadores de distintos están bastante molestos polo feito de que Apple destaque tanto un elemento diferencial que non é tal fóra dos EE.UU. e Canadá).
Aínda que non temos detalles sobre as vendas reais do novo iPad, coméntase que na tenda insignia de Apple na 5ª Avenida conseguiron vender máis de 13.000 dispositivos en só 12 horas, ou sexa, uns 18 tablets vendidos por minuto, que conseguiron despachar grazas ao grande abastecemento de dispositivos que fixeron en previsión de que tal establecemento tivese unhas vendas na liña de lanzamento anteriores.

Reparto de dividendos

Pero hoxe Apple tamén demostrou que xa non segue cegamente os pasos marcados por Steve Jobs, e Tim Cook anunciou que están a preparar un reparto de dividendos para o cuarto trimestre fiscal de 2012 (que comeza o 1 de xullo) que sería de 2,65 dólares por acción, o que moitos entenden como unha atención ás esixencias dos investidores, que buscaban unha retribución agora que Apple é a empresa do sector con máis efectivo en caixa.
A compañía tamén levará a cabo un programa de recompra de acción por valor de 10.000 millóns de dólares, que comezará no trimestre fiscal que principia o 30 de setembro, e que desenvolverase durante 3 anos.
En total, Apple investiría uns 45.000 millóns de dólares en efectivo nestas operacións, o que deixa a porta aberta a moitas oportunidades, pois non chegaría nin á metade dos cartos que se estima que actualmente ten a compañía de Cupertino en caixa.
Este anuncio, xunto cos bos resultados de vendas do novo iPad, levaron á cotización bolsista de Apple a pechar por primeira vez na historia a un valor de máis de 600 dólares por acción (concretamente a 601,10 dólares), moi lonxe dos 310,50 dólares que custaban hai un ano, deixando claro que o mercado continúa a ver moito potencial en Apple.

PUBLICIDADE