As XVII Xornadas Xurídicas de Sarria poñen o foco na ciberseguridade nos delitos informaicos

mércores, 12 de xuño do 2024 S. P.

Este mércores 12 de xuño inaugurouse a 17ª edición das Xornadas Xurídicas de Sarria, que nesta convocatoria poñen o foco na ciberseguridade nos delitos informáticos. As xornadas, dirixidas por Román García Varela, letrado da Administración de Xustiza, e Carlos Lema Devesa, catedrático de Dereito Mercantil na UCM, celébranse até o venres na Casa da Cultura da vila lucense.
Na inauguración participaron o alcalde da localidade, Claudio Garrido, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.
As xornadas, cuxo programa podemos consultar na web municipal de Sarria (en formato PDF) estase a retransmitir en streaming grazas ao servizo provincial de Audiovisuais da Deputación de Lugo, que achega 5.000 euros para o desenvolvemento do evento.
Segundo sinalou Rivera Capón, trátase dunha cita que “sitúa o municipio e á provincia de Lugo no centro do debate xurídico en España”. E engadiu: “Vivimos nun mundo cada vez máis dixitalizado, onde as novas tecnoloxías, como a Intelixencia Artificial, son parte esencial das nosas vidas. Esta transformación dixital trae consigo grandes oportunidades, pero tamén novos retos e ameazas”, sinalou o Deputado. Incidiu Rivera Capón que “a ciberseguridade non é só unha cuestión técnica, senón un asunto fundamental que afecta á nosa privacidade, á nosa economía e á nosa seguridade nacional”. Nese sentido, Pablo Rivera destacou a creación da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que ten ”un papel crucial na regulación e supervisión, asegurando que o seu desenvolvemento e aplicación se realicen cos máis altos estándares de seguridade e ética”. Unha iniciativa que, segundo explicou, “pon de manifesto o compromiso do Goberno de España coa innovación tecnolóxica segura e responsable”.
As Xornadas Xurídicas de Sarria celébranse entre hoxe e o vindeiro venres, 14 de xuño, na Casa da Cultura da localidade, e pódense seguir en directo a través de YouTube grazas á retransmisión realizada polo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo no marco da colaboración que a institución ten con esta cita de referencia. Un ano máis as conferencias que se imparten terán recoñecemento universitario, de maneira que o alumnado da UNED de Lugo obterá o equivalente a 10 horas lectivas.

PUBLICIDADE