As comisións de Steam redúcense proporcionalmente en función do volume de vendas

luns, 3 de decembro do 2018 Marcus Fernández

A tenda dixital de xogos para ordenador de referencia a nivel global, Steam, vén de actualizar o seu Acordo de Distribución con varios cambios importantes, entre os que destacan especialmente os novos niveis de ingresos compartidos.
Deste xeito Valve muda o sistema de reparto de ingreso dos xogos publicados na súa plataforma dixital, de xeito que a partires do 1 de outubro de 2018 cando un xogo supere os 10 millóns de dólares en Steam a partes das ganancias que irá para a plataforma será do 25% (lembremos que o habitual neste tipo de plataformas é unha comisión do 30%); cando se superen os 50 millóns de dólares a parte que irá a parar a Steam limitarase a un 20%. Este reparto de ingresos non se aplica só aos xogos, senón tamén aos contidos descargables e ás compras dentro das aplicacións, buscando así recompensar aos desenvolvedores dos meirandes xogos, que terían así unha mellor sintonía con Steam e a súa comunidade.
Outro cambio nas normas afecta á confidencialidade dos datos de vendas, que a partires de agora poderán manexarse como estime oportuno cada compañía, de xeito que será posible compartilos ou facelos públicos. Tamén incorporaron información sobre como se tratan os datos dos clientes en conformidade co Regulamento Xeral de Protección de Datos en vigor en Europa.

PUBLICIDADE