As tecnoloxías intelixentes no naval, ao detalle o día 28 da man da AETG

venres, 18 de outubro do 2019 Redacción

A abeiro do acordo formalizado entre a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), no que se recollen actividades de formación, divulgación e asesoramento á sociedade en xeral, dende a asociación veñen de anunciar o vindeiro desenvolvemento dunha xornada sobre Industria 4.0 no ámbito naval: a conferencia Xemelgos Dixitais e o reto dos buques intelixentes, impartida por Donato Martínez Pérez de Rojas, Juan Ignacio Silvera Vez e Carlos Blanco Seijo.
Durante a sesión, os relatores, enxeñeiros expertos na materia, ofrecerán unha visión xeral do plan de transformación que dará lugar ao xemelgo dixital no entorno da construción naval, abordarán os retos e oportunidades desta tecnoloxía e a súa implicación no ecosistema naval e marítimo, finalizando cunha exposición dun caso de aplicación nos futuros buques da Armada Española. A xornada celebrarase o 28 de outubro ás 11:15 h. no Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura, Monte Gaiás - Santiago de Compostela.
A conferencia comezará cunha sesión de presentación a cargo de Rosa Ménez Calvo, directora da Área Sociedade Dixital de AMTEGA, e Julio Sánchez Agrelo, presidente da AETG. A continuación serán os relatorios de Donato Marinez (Retos da construción naval no século XXI), Juan Ignacio Silvera (Retos e oportunidades dos xemelgos dixitais e a súa implicación no ecosistema naval e marítimo) e Carlos Blanco (Aplicacións desta tecnoloxía nos futuros buques da Armada Española).

PUBLICIDADE