Balidea busca integrar grandes modelos da linguaxe en contornas sociosanitarias

xoves, 16 de maio do 2024 S. P.

A galega Balidea, dende a súa área de Innovación, leva anos indagando sobre os grandes desafíos da comunicación co mundo dixital, que pasan polo emprego da voz. Dende esta óptica busca achegar solucións que faciliten a interacción con persoas que teñen menos capacidades TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) e facelo tamén para os idiomas con menos recursos no ámbito dixital, como é o caso do galego. É por iso que está a traballar na integración de grandes modelos da linguaxe en contornas específicas, como é a sociosanitaria.
“Aos LLMs (Large Language Model) dispoñíbeis neste momento fáltalles contexto para poder interactuar con plenitude en galego, posto que non abonda co coñecemento do idioma, senón que precisan tamén dispoñer dun coñecemento máis profundo de toda a cultura que rodea á lingua”, sinalan dende a compañía.
Neste contexto, Balidea está apostando pola integración dos grandes modelos da linguaxe nos asistentes que está a desenvolver, asumindo os grandes retos que isto supón. “O problema destes modelos é que o seu mantemento é moi caro, polo que é un reto agora mesmo saber como integralos tendo gobernanza de datos e poder adaptalos, sendo viábel economicamente”, argumentan. O outro grande desafío é lograr o seu óptimo funcionamento para o contexto desexado. Para isto en Balidea están partindo de modelos libres, adaptándoos sen perder ningunha das súas prestacións e adestrándoos de novo para unha contorna específica de aplicación.
Xa hai un ano, lanzaban a iniciativa FalAI, co obxectivo de recoller voces en galego que lles permitisen agora ter un punto de partida para ese adestramento. Lograron así reunir a base de datos aberta máis grande do mundo en calquera idioma. O éxito do proxecto non quedou aí e a súa campaña de difusión, unha creatividade da axencia Recados Carmen, acadou unha grande repercusión e recoñecemento con premios como o Paraugas de Ouro á Mellor Campaña con Impacto Positivo e o Mestre Mateo na categoría de mellor anuncio publicitario.

PUBLICIDADE