Call of Duty: Warzone estrea versión para móbiles

venres, 22 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Esta semana os xogos de acción están a vivir toda unha revolución co lanzamento de Call of Duty: Warzone Mobile, título que xa podemos descargar de balde para móbiles Android e para dispositivos móbiles de Apple, facendo máis accesible a experiencia de Call of Duty: Warzone, xa que agora pode gozarse afastado do PC e da consola, ampliando considerablemente a súa base potencial de xogadores.
Este lanzamento chega con 2 mapas emblemáticos de Battle Royale, unha selección de mapas e modos multixogador clásicos, cunha chea de opcións de accesibilidade e personalización dos controis de móbil e un sistema de progreso compartido entre as versións de consola e PC de Call of Duty: Warzone e Call of Duty: Modern Warfare III, para que os xogadores poidan conseguir PX e subir de nivel as armas con independencia de onde xoguen.
Este xogo para móbiles pode controlarse mediante a pantalla táctil, con mandos Bluetooth ou cos cada día máis populares accesorios que engaden controis físicos semellantes a un mando de consola ao móbil (como o Backbone One).
Hoxe comeza o evento de lanzamento de Call of Duty: Warzone Mobile, convidando aos xogadores a loitar en Verdansk e Rebirth Island, e colaborar coa comunidade para completar desafíos cos que desbloquear contidos.

Tráiler de lanzamento de Call of Duty: Warzone Mobile

PUBLICIDADE