Científicos de todo o mundo poñen en marcha un gran observatorio 2.0 da natureza

luns, 1 de xuño do 2009 Redacción

A de hoxe é unha data importante para a ciencia e para as ligazóns cada vez máis estreitas que ten coa Internet participativa, orientada a apoiarse nos usuarios para que a constrúan. A cuestión ten unha chea de precedentes, como por exemplo a importante cobertura informativa que lle achega a Internet ao Ano Internacional da Astronomía, este 2009 que estamos a vivir, ou a posta en marcha na nosa terra dun noticiario en liña sobre localizacións de aves. A cousa, como era de agardar, non remata aí. Segundo conta a a axencia EFE, a xornada de hoxe foi a elixida por científicos de todo o mundo para poñer en marcha unha iniciativa que senta as bases dun observatorio macroscópico da biodiversidade. O proxecto, que se apoia no potencial de convocatoria e mobilización das redes sociais, pretende ser un obradoiro científico de portas para fóra. Dito doutro xeito: estará aberto á participación dos internautas, que, entre outras accións, poderán subministrar observacións sobre os datos, os exemplares ou os recursos expostos. Por certo que a idea dos responsables do observatorio era poñelo en marcha coincidindo coa celebración da conferencia e-Biosphere, un encontro sobre biodiversidade que arranca hoxe en Londres.
Segundo contan os investigadores que están a facer realidade o proxecto, este atópase neste intre operativo coma maquinaria engraxada de información. O único que falta, precisamente, é a achega masiva de información.
A xuízo de James Edwards, director da conferencia e participante no proxecto, os elementos integrantes como por exemplo as bases de datos están xa preparados e só queda conectalos, proceso que é moi probable que se leve a cabo en poucos meses. O modo de funcionamento da iniciativa sitúaa como un interesante cruzamento entre Google Earth, Wikipedia e a Enciclopedia da Vida do Instituto Smithsoniano (do que Edwards é director): calquera internauta poderá facer uso dela, completamente de balde e accedendo a través da Rede a unha imaxe de satélite para logo obter información polo miúdo sobre as especies de seres vivos que habitan o ecosistema elixido, dende o de maior envergadura até o máis pequeno de todos. Esta ferramenta, ademais, será de ida e volta: todo internauta estará capacitado para atoparlle beneficios e para achegarllos.
Así, un día seralle preciso consultar as características dun espazo de biodiversidade concreto e á xornada seguinte el mesmo poderá presentarlle á comunidade usuaria que tipos de seres vivos habitan no escenario natural máis próximo. Por certo que contaría co priviliexio de ter a todo un equipo de científicos-internautas para resolverlle todas as dúbidas que tivera sobre calquera localización: achegaríanlle datos sobre as especies atopadas e a súa procedencia, imaxes, mapas dixitais. Sumando unha vez tras outra un proceso de comunicación estarían a sentarse os alicerces do que probablemente vaia camiño de converterse na base de datos científica máis grande, en boa medida dirixida a facilitar comprensión sobre os cambios que están a sufrir os ecosistemas en todos os recantos do mundo.
Segundo se conta na Rede, a iniciativa ten os seus precedentes máis directos noutras iniciativas das que agarda nutrirse, como por exemplo Arkive, colección de imaxes e vídeos da natureza.

PUBLICIDADE