Cinco empresas punteiras de Asia e América coñecen a factoría TIC galega

martes, 4 de decembro do 2018 Redacción

Xa o avanzamos o 29 de novembro dende Código Cero dando conta da participación do Centro de Investigación TIC (CITIC): os pasados días celebrouse na nosa terra unha misión comercial inversa na que se implicaron empresas e centros tecnolóxicos galegos mostrando o seu potencial de cara a satisfacer as demandas de colaboración de empresas e entidades estranxeiras. A misión veu da man do Clúster TIC e nela concorreron cinco empresas de Cuba, Xapón e México, punteiras no sector das telecomunicacións, dos medios audiovisuais, do comercio ao por menor e máis dos medios de transporte.
A acción tivo como obxectivo estimular, fortalecer, espallar e consolidar a internacionalización dos produtos e servizos das entidades socias do Cluster TIC, “reforzando así os distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos”, en palabras da plataforma empresarial galega, que engade, nun plano máis específico, que na misión participaron o director da televisión xaponesa TV Setouchi, Hirokazu Shimauchi, que emite nos territorios de Okayama e Kagawa e é a única estación da rede TX presente na rexión de Chugoku-Shokoku; Axel Medero, vice-director xeral de Radio Cuba, empresa pertencente ao Ministerio de Comunicacións e que actúa como punto de activación e provedor nacional e internacional de comunicacións móbiles por satélite; Cristian Serrano, eCommerce Mexico Manager de Under Armour, marca de retail deportiva con 22 anos de vida e que conta con presenza en Estados Unidos, Latinoamerica, Asia-Pacifico e Oriente Medio-África-Europa; César Medina, director de MKT LATAM, en representación da empresa de orixe xaponesa Miniso, destacada por revolucionar o fast fashion a nivel mundial e que dende as súas sedes mexicanas ofrece unha gran diversidade de produtos para o fogar, beleza, moda, deportes, tecnoloxía, xoiería, agasallos e artigos de tempada; e Sabrina Patiño, xerente de operacións de Viva Aerobús, pertencente ao grupo de transporte terrestre IAMSA, o mais grande de México e que opera máis de 28 empresas, entre elas Ómnibus de México, ETN, Primera Plus ou TAP.
Desde o pasado día 27, no que comezou a misión, mantiveron reunións de negocio individuais e visitas ás sedes de EGATEL, REDEGAL, CINFO, Inditex, R, Trison Headquarters, CITIC, Tecnópole e TVG. O obxectivo foi “coñecer de primeira man o seu potencial innovador e os seus procesos de produción e comercialización con fin de estreitar ligazóns comerciais e detectar oportunidades de negocio”.

PUBLICIDADE