Cisco, Telefónica e a UVigo impulsan o Network Slicing 5G
mércores, 3 de febreiro do 2021
Cisco,
Telefónica e a Universidade de Vigo chegaron a un acordo para lanzar
a proba piloto de Network Slicing sobre 5G. O proxecto demostrará
a flexibilidade da rede 5G para adaptarse a diferentes servizos
e clientes no marco do Piloto 5G Galicia, impulsado polo Ministerio
de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Red.es.
Con esta iniciativa pretenden
implementar un demostrador sobre a infraestrutura de laboratorio da
Universidade de Vigo, onde lanzarán tres
slices diferentes:
baixa latencia, alta
capacidade de banda e
emerxencias. Así os clientes poderán desfrutar
de contidos en ultra alta definición á vez que se manteñen os
recursos da rede móbil en caso de emerxencia.
Ademais, o proxecto permitirá
comezar a construír os servizos para clientes que que se
comercializarán a través da rede 5G de Telefónica, o que suporá
unha mellora á hora da comercialización de cara ó cliente final.
Os corpos
e forzas
de seguridade,
medios e comunicación, automóbil, industria e hostalería serán os
sectores que se verán máis beneficiados polo Network Slicing.
Como dixemos, Network
Slicing nace da colaboración de Cisco, Telefónica e Universidade de
Vigo. Por unha banda,
Cisco será a
encargada
de demostrar os beneficios do software cloud
nativo coa plataforma Cisco Ultra Packet Core, que é o corazón da
creación de servizos e serve para apoiar casos de uso específicos
de clientes, constituíndo o proxecto de dixitalización Digitaliza.
Doutra banda, Telefónica
coordina o proxecto como provedor dunha das tecnoloxías máis
punteiras das redes 5G.
Por último, a Universidade de
Vigo traballará no deseño do demostrador, demostrando os
beneficios, calidade e versatilidade das tecnoloxías de Network
Slicing.
Mercedes Fernández, xerente
de Innovación e responsábel
de Cidade Tecnolóxicas 5G de Telefónica de España, destacou que “o
proxecto serve para dar un importante impulso ao
noso obxectivo de facer nosas redes máis flexíbeis
e escalábeis
para dar resposta con 5G os clientes”.
Ademais, Andreu Vilamitjana,
director
xeral
de Cisco España, dixo que “o 5G é unha gran oportunidade para que
os provedores
de servizos
poidan xerar novos servizos dixitais, rendibilizar os
seus investimentos en
infraestruturas e, sobre todo, liderar a transformación dixital”.
Network Slicing 5G trátase
dun dos proxectos gañadores da primeira convocatoria de axudas ao
desenvolvemento do 5G do Ministerio de Asuntos Económicos e
Transformación Dixital, co-financiado por Red.es con fondos FEDER e
enmarcado na iniciativa Piloto 5G Galicia, que ten como obxectivo
probar a tecnoloxía de diferentes fornecedores
e utilizar os resultados para definir as redes do futuro.