Comeza a nova edición de Finde.U con 2.000 participantes e 70 empresas

luns, 22 de outubro do 2018 Redacción

Esta semana vaise desenvolver a terceira edición da Finde.U, a Feira Internacional de Emprego Universitario que organizan a Universidade de Vigo e máis a de Porto (xunto coa de Tras-os- Montes e Alto Douro e Católica Portuguesa). A previsión é de que participen máis de 2.000 participantes e unhas 70 empresas, moitas delas empresas do sector dixital (Televés, HPE, Arca Telecom, Imatia, Alert Life Sciences Computing ou Viewnext). A feira celébrase no recinto de IFEVI os días 23 e 24 de outubro, logo da exitosa edición previa de Porto este mesmo mes. Inaugúrase este martes, terza feira, ás 16.30 horas. No acto participará Manuel Reigosa, reitor da UVigo, e máis o seu homólogo da de Porto, Helder de Vasconcelos e Silva.
Tamén concorrerán Artur Fernando Arede Correia Cristóvão, vicerreitor da área de planificación e emprendemento da UTAD, e Manuel Fontaine Campos, vicepresidente do Centro Regional do Porto da Universidade Católica Portuguesa, para a Academia e a Internacionalización.
Segundo engade a universidade galega, a Finde.U ofrecerá a estudantes e persoas tituladas “a oportunidade contactar con responsábeis de recursos humanos de empresas de diferentes sectores e que se atopan na procura de persoal cualificado, ao tempo que as firmas comerciais da Eurorrexión terán a oportunidade de coñecer de primeira man as capacidades do alumando formado na institución académica viguesa”.
Pescanova, FINSA, ABANCA, Televés, Borgwarner, BBVA, Carrefour, Hewlett Packard, ENCE ou Garrigues, son algunhas das empresas que xa confirmaron a súa presenza no evento, que como todos os anos completará o seu programa con actividades paralelas de formación e información.
Dúas son as novidades que este ano introduce a Finde.U. Dunha banda, o día 24 e como continuación da xornada que o 9 de outubro se celebrarán no Campus de Vigo, o IFEVI acollerá a derradeira sesión do programa O talento feminino SUMA. Nesta sesión as estudantes e tituladas que participaron na primeira sesión da xornada, presentarán a través dun formato elevator pich, o seu talento perante os responsábeis de recursos humanos que participan na feira.
Así mesmo, nesta terceira edición a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal incorpora á feira o seu Job Day TIC, achegando a participación de 13 empresas do sector das Tecnoloxías da Información e da comunicación de ámbalas beiras do río Miño, así como os clústeres TIC dos dous lados da raia.

PUBLICIDADE