Confirman que Microsoft está a desenvolver un pequeno dispositivo para gozar do xogo na nube

venres, 27 de maio do 2022 Marcus Fernández

Imaxe publicada en 4chan sobre como podería ser o produto no que está a traballar Microsoft

Levamos un tempo co sistema de xogo na nube de Xbox mellorando e chegando a novas plataformas, de xeito que actualmente pode gozarse dende consolas, ordenadores e dispositivos móbiles, quedando como asignatura pendente os televisores, dispositivos que poderían ser chave para facer realidade o concepto de consola sen consola, para o que confíase en que algúns televisores de alta gama vaian contar con aplicacións para acceder ao xogo en streaming de Microsoft (como xa fan coas tecnoloxías de Stadia e nVIDIA), aínda que como solución máis xeral temos que dende Windows Central confirman que baixo o nome clave Keystone están a traballar nun dispositivo HDMI que permitirá gozar do xogo na nube de Xbox directamente.
Un voceiro de Microsoft tería recoñecido que estaban a traballar no produto, aínda que non estaría maduro dabondo para ver a luz. Apunta a que con Xbox Cloud Gaming queren levar os xogos ao público con independencia do dispositivo que empreguen, e para facer máis doado o xogo en televisores e monitores preparan un pequeno e económico dispositivo que poida ocupar as funcións dunha consola de videoxogos, aínda que os xogos e o hardware que os moven estarían realmente en servidores na Rede, de xeito que o trebello actuaría como saída de vídeo e como ponte para conectar o mando co que se controle a acción, na liña de como faría Stadia con Chromecast Ultra.

PUBLICIDADE