Dez detidos e 21 páxinas web pechadas por ofrecer descargas piratas de contidos

mércores, 28 de marzo do 2007 Raquel Noya

Até un total de 21 páxinas web foron clausuradas pola Brigada de Investigación Tecnolóxica da Comisaría Xeral da Policía Xudicial por ofrecer o 40 por cento do total das descargas “piratas” levadas a cabo en España de música e cinema na Rede. Na mesma operación foron detidas 10 persoas que se atopan en liberdade con cargos e que segundo informou o director xeral da Policía e a Garda Civil, Joan Mesquida, á axencia EFE, “eran os propios administradores destas páxinas os encargados de gravar os contidos nas salas de cine, montar imaxes e difundilas a través da Rede”. As devanditas páxinas web rexistraban 15.000 descargas diarias e a súa actividade puído ter ocasionado uns mil millóns de euros en perdas só na industria do cine.
Esta operación confírmase como a primeira deste tipo levada a cabo en 2007 e a principal razón que se baralla para xustificar o peche destes sitios podería ser (pola semellanza con outros casos acontecidos o ano pasado) o ánimo de lucro. Ë dicir, o que estas páxinas ingresan por publicidade adoita a ser o principal motivo de clausura, xa que infrinxen o artigo 270 do Código Penal, que sanciona como modalidade do delito relativo á propiedade intelectual a quen, coa arela de obter cartos e en prexuízo dun terceiro, reproduza, plaxie, distribúa ou comunique publicamente, en todo ou en parte, unha obra literaria ou artística.

PUBLICIDADE