Dous colexios galegos, entre os gañadores da última edición do EducaRed

venres, 23 de xullo do 2010 Raquel Noya

O Colexio Sanxurxo de Carricarte, de A Coruña, e o San Roque de Darbo, de Pontevedra, veñen de obter, respectivamente, o segundo premio na modalidade Wiki da categoría III e o terceiro premio en Experiencias Didácticas da categoría II da undécima edición do concurso EducaRed, convocado pola Fundación Telefónica.
O traballo presentado polo equipo coruñés tiña por título A contorna dá Torre de Hercules e foi liderado pola docente Natalia Roibás Blanco. O xurado destacou del que "se trata dunha interesante proposta para articular o estudo do patrimonio histórico e monumental do ámbito próximo dos alumnos (a Torre de Hércules)”, ao que engadiu que “se aprecia o traballo colectivo dos alumnos que redactan os seus propios contidos e os organizan axeitadamente".
Pola súa banda, o traballo do profesor pontevedrés Luís Lagoa, titulado A aula virtual: acceso aos recursos dá Rede foi valorado polo xurado pola “importante aposta do docente polo uso das TIC con alumnos de 2º de primaria”, ao ter creado contidos multimedia que teñen a intención de substituír aos libros de texto na área de Ciencias Sociais.
Nesta edición, o concurso presentaba como principal novidade a intención da organización por “converterse nunha actividade de carácter internacional”, dirixida a profesores, profesoras, alumnos e alumnas de calquera parte do mundo.
Este carácter internacional reflectiuse na participación acadada este ano, posto que en total concorreron ao certame 8.219 participantes (1.341 docentes e 6.878 estudantes) divididos en 2.169 equipos, procedentes de 19 países.
A temática dos traballos premiados é moi variada. Destacan, en especial, os dedicados ás matemáticas, ao cambio climático e a temas medioambientais, así como os dedicados ao Camiño de Santiago (que son uns cantos), pola coincidencia coa celebración do ano Santo.
O Certame Internacional EducaRed de Fundación Telefónica busca promover o uso pedagóxico das TIC, concienciar á comunidade educativa do valor potencial destas tecnoloxías, poñer ao seu alcance iniciativas e actividades relacionadas con estes obxectivos e recoñecer o esforzo do profesorado por introducir as TIC nos procesos de ensino e aprendizaxe.
Para participar no concurso, os alumnos e alumnas debían formar equipos, e coa axuda dun profesor, realizar traballos multimedia relacionados coas materias do currículo escolar do seu país. Nesta ocasión, as categorías de participación viñan definidas pola idade dos alumnos, comezando dende os 3 anos. Os proxectos debían presentarse no marco dalgunha das catro modalidades que propoñía o Certame: Webs, Blogs e Wikis, ademais dunha categoría denominada Experiencias didácticas dirixida aos docentes, na que os profesores participaban en solitario.
Os premios para os primeiros clasificados en cada unha das categorías consisten nun netbook para o docente responsable do grupo; un tablet PC ou un netbook para os membros do equipo segundo categoría e unha lousa dixital e un canón proxector para o centro docente.

PUBLICIDADE