Dúas ducias de centros medíronse en Cerceda na fase galega do desafío CanSat

martes, 23 de abril do 2024 S. P.

Un total de 23 equipos de 19 colexios e institutos participaron este martes 23 de abril nun lanzamento de satélites no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea CanSat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda.
A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites.
O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.
Antes de lanzar os satélites, os máis de 140 alumnos participantes comprobaron os pesos, medidas, baterías e frecuencias dos aparellos. A continuación, valéronse de drons para o lanzamento, baixo a coordinación e supervisión de Aeromedia. Logo desprazáronse ata o lugar onde descenderon os artefactos para recuperalos.
Segundo salientou Vila, o programa Cansat “contribúe a mellorar as competencias científicas do alumnado, ao tempo que os axuda a desenvolverse na resolución de retos tecnolóxicos.”
Os centros e equipos participantes son os que citamos de seguido:
Arteixo
IES Manuel Murguía
Cosmurguía
Betanzos
CPR Plurilingüe Nuestra Señora Carmen
NOE
Cariño
IES Cabo Ortegal
PixinSat
Coruña, A
CPR Compañía de María
CMCSAT24
Ferrol
CPR Ayala
AyalaSAT
Muxía
IES Ramón Caamaño
Muxía en órbita
Noia
IES Virxe do Mar
Lata espacial
Ortigueira
IES de Ortigueira
TecnoOrtigueira
Pontes de García Rodríguez, As
IES Castro da Uz
Uzspace
Burela
IES Perdouro
Foghete Pataqueiro-73X
Lugo
IES Leiras Pulpeiro
LASA/Tecno-Leiras
Mondoñedo
IES Plurilingüe San Rosendo
MINDOROCKETSAT
Gudiña, A
CPI Laureano Prieto
Club de Ciencias Laureano Prieto
Ourense
IES O Couto
As programadoras do Couto/Frutilla
Caldas
IES Aquis Celenis
AquisSat3/AquisSat4
Vigo
IES Álvaro Cunqueiro
Panoramix VII/CoiaSat
Vigo
IES República Oriental do Uruguai
Rousat-1
Vigo
CPR Las Acacias
Las Acacias SAT
Vigo
CPR Montecastelo
MontecasteloSAT
Tras o lanzamento deste 23 de abril, o día 26 desenvolverase un evento para presentar os resultados dos proxectos, nos que se valorará a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas. O equipo gañador da fase autonómica representará a Galicia na fase nacional.
Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat ou déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.

PUBLICIDADE