Emprego e AMTEGA revolucionan o ámbito da formación para o emprego cunha nova plataforma

venres, 11 de febreiro do 2022 S. P.

Dende finais de 2021 Galicia dispón do seu propio Campus Virtual, plenamente operativo a través de campusvirtualemprego.xunta.gal e poñendo en xogo novos e revolucionarios vieiros en materia educativa e de emprego. A iniciativa, que recolle a oferta formativa da Xunta para a cualificación de persoas desempregadas e ocupadas, vén da man da Consellería de Emprego e Igualdade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). As dúas entidades da Administración galega destinaron 332.500 euros para poñer en marcha a nova plataforma do Campus Virtual: un recurso tecnolóxico avanzado que, amais de adaptar a formación para o emprego aos novos procesos de dixitalización, achega as accións a lugares que carecen de centros acreditados na nosa Comunidade. O portal, xa operativo, é unha fonte de información de primeira orde sobre tres piares temáticos fundamentais: emprego en Galicia, programas de inserción laboral e actividades de formación. Achega ademais unha ampla listaxe de cursos dispoñíbeis dos máis diversos ámbitos.
Persoas potencialmente destinatarias
Son destinatarias da formación do Campus Virtual 15.000 alumnas e alumnos ao ano que participan nuns 1.700 cursos convocados no marco do Plan de Formación para o Emprego da Xunta de Galicia.
A Consellería de Emprego e AMTEGA salientan que a nosa é a primeira Comunidade en facilitar unha plataforma de aula virtual destas características para as preto de 1.100 entidades formativas acreditadas en Galicia, así como dos trece centros de formación que ten a Consellería de Emprego e Igualdade, onde se imparte prioritariamente formación para desempregados como os de Santiago, Ames, Negreira, Melide, Ferrol, A Coruña, Vigo, Bueu, Allariz, Ourense, Lugo, Viveiro e Monforte. A eles sumaranse os programas específicos da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo: Autónomos dixitais, Crecendo en dixital, Sénior é dixital, Formadores dixitais, Empregabilidade dixital, Rumbo dixital, Habilidades dixitais, Rural en dixital, e Son Executiva.
Dixitalización da formación
“Co Campus Virtual”, informa a Consellería de Emprego e Igualdade, “a Xunta ratifica a súa aposta pola dixitalización da formación para o emprego dando así resposta a unha demanda da sociedade e do tecido empresarial”. É intención, engade o dito departamento autonómico, “é de que toda a formación para o emprego de Galicia se vaia incorporando de xeito paulatino á nova plataforma”. En palabras da Consellería, “a ferramenta permitirá implantar en Galicia un novo modelo formativo que, a través das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, posibilitará a flexibilidade na impartición dos cursos, ademais de beneficiar directamente a valores como a conciliación”.
Ofrece, por outra banda, “unha alternativa virtual para acercar á formación para o emprego aos alumnos que poidan ver limitada a súa capacidade de se desprazar e levará a oferta formativa a todo o territorio galego”.
A plataforma permitirá impartir as clases a través dun sistema síncrono en tempo real, dun xeito directo e interactivo e habilitado polo uso de medios electrónicos.
Entre outros servizos, a aula pon a disposición das persoas usuarias servizos de vídeo-conferencia, un repositorio común de documentación, docencia con capacidade de gravación, despachos virtuais para docentes, plataforma de ensino (Moodle) autoxestionada polo profesorado ou arquivo de vídeo baixo demanda.
Con todos os recursos postos en xogo, o servizo garante unha capacidade mínima de 25 asistentes a cada unha das actividades, ofrecendo a posibilidade de compartir escritorios e aplicacións ou controlar a participación do alumnado en cada momento, entre outras funcionalidades.
Dende a Consellería de Emprego e AMTEGA tamén salientan o feito de que a aula virtual dispoña da tecnoloxía necesaria para verificar e acreditar a participación ou asistencia do alumnado e do persoal docente, ademais dos métodos para facer o control de presenza, a realización de exercicios prácticos e a superación dos controis periódicos.
Vantaxes e posibilidades
Os detalles e beneficios da plataforma foron dados a coñecer o pasado verán pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. A nova ferramenta, en palabras da conselleira, “achegarase a todo o territorio galego e posibilitará unha formación moderna con todas as garantías”. E engadiu: “É un proxecto que vén de reformular integramente o modo de entender e impartir formación para o emprego en Galicia”.
Cun investimento de máis de 330.000 euros, a plataforma busca facilitar que 15.000 alumnos e alumnas participen en ao redor de 1.700 cursos convocados no marco do Plan de Formación para o Emprego da Xunta.
A ferramenta ponse a disposición das preto de 1.100 entidades formativas acreditadas en Galicia e dos 13 centros de formación da Consellería de Emprego e Igualdade, aos que se lles suman os programas específicos da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo.
Lorenzana explicou que esta iniciativa, “ademais de contribuír a mellorar a cualificación profesional dos galegos e galegas, permitirá flexibilizar a formación en dúas vertentes”. Así, facilitará por unha banda a conciliación e, pola outra, o acceso á mellora da formación ás persoas residentes no rural ou a aquelas que teñan limitada a súa capacidade de desprazarse.

PUBLICIDADE