Entregado o XI premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre

martes, 30 de outubro do 2018 Redacción

Finalmente, a semana pasada fallouse o premio da XI edición do Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG. En total, o certame recibiu este ano un total de 8 candidaturas, escolléndose logo dun proceso pormenorizado de avaliación os 5 finalistas que defenderon ante o xurado as súas investigacións. O xurado decidiu entregar o primeiro premio a Alejo Pacín, da Universidade de A Coruña, polo Proxecto Puding, Punteiro Dixital Integramente Galego.
A iniciativa gañadora consistiu no deseño e desenvolvemento dunha gaita galega MIDI profesional e sen fíos. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Ademais, entregouse tamén un segundo premio a Brais Arias, da Universidade de A Coruña, polo proxecto Qas, sensorización da calidade do aire. O recoñecemento ten unha dotación económica de 750€ achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa axencia AMTEGA.
Os outros finalistas do premio, a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron:
· Fernando Liñares – Rss-radio, proxecto consistente no deseño dun servizo en liña para a publicación de gravacións de radio e podcast.
· Paloma Piot – Backstage, aplicación web para a xestión de festivais de música permitindo a organizadores ou promotores do mesmo xestionar todo o concernente aos seus distintos departamentos.
· Rodrigo Martínez – Catenae, Framework para a construción e despregue de sistemas modulares de procesamento en tempo real.

PUBLICIDADE