Este ano poderían saír máis de 5 entregas de Guitar Hero

venres, 6 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Os xogos da saga de Guitar Hero son un éxito absoluto, pero non foi ata o Guitar Hero World Tour (a 6ª entrega para consolas domésticas) cando incorporou a voz e a batería coma complementos á guitarra e ao baixo, polo que moitos dos temas musicais do seu catálogo estarían incompletos, de aí que Activision anuncie para o mes de xuño Guitar Hero Greatest Hits cunha selección de temas de toda a saga que chegan pata Xbox 360, PlayStation 3, PlayStation 2 e Wii, pero non será o único lanzamento desta franquía durante 2009, senón que no mes de abril tamén chegará ás tendas europeas o Guitar Hero: Metallica e agora anuncian que no mes de agosto poderemos ver o Hard Rock Van Halen.
Os lanzamentos desta franquía non rematan aí, e presumiblemente en setembro chegaría un Guitar Hero 5, en outubro un DJ Hero e en novembro un Band Hero, co que parecen querer saturar un mercado como xeito de bloquear aos seus competidores e continuar sacando proveito da que posiblemente é a franquía de videoxogos máis rendible da historia.
Nas consolas portátiles tamén se coñece o lanzamento do Guitar Hero: Modern Hits, pero á vista da vaga de títulos que sairán durante o presente ano non descartariamos que anuncien outro xogo máis nesta liña.

Vídeo de presentación do Guitar Hero Greatest Hits

PUBLICIDADE