Europe Direct A Coruña inicia o ciclo Hello, Europe! de competencias dixitais e profesionais

luns, 4 de marzo do 2024 S. P.

O centro Europe Direct A Coruña da Deputación da Coruña organiza xunto a Europe Direct Asturias (Federación Asturiana de Concejos) a iniciativa Hello, Europe!, un ciclo de formacións en liña orientadas a fortalecer as competencias da xente nova para participar das oportunidades de formación e laborais da Unión Europea. Porase o foco nas competencias dixitais.
O primeiro curso será este vindeiro 7 de marzo, de 13 a 14 horas, e dará a coñecer á mocidade da provincia os recursos dispoñíbeis para desenvolver unha carreira investigadora en España e na Unión Europea. A charla Carreira investigadora en España e en Europa: Por onde empezo? estará impartida por profesionais do punto que a rede Euraxess ten na Universidade da Coruña. Nela, daranse a coñecer os recursos e oportunidades para a investigación en Europa e tamén o traballo de apoio que realiza a rede Euraxess, impulsada pola Comisión Europea, para as persoas investigadoras en cuestións como o recoñecemento de diplomas, Seguridade Social ou outras dúbidas legais ou culturais. O rexistro para participar na actividade, que ten límite de prazas, está aberto dende o 20 de febreiro ata o 6 de marzo ás 14 horas a través da web da Deputación.
As formacións de Hello, Europe! terán continuidade ao longo do ano. No mes de abril están previstas tres novas sesións. Na primeira delas, as persoas participantes aprenderán, dunha maneira práctica, a deseñar e redactar un CV Europass que poña en valor as súas competencias e habilidades. Este obradoiro terá lugar o 15 de abril ás 16 horas.
O obxectivo da segunda formación, Candidaturas competitivas: cartas de motivación e presentación, é facilitar técnicas e orientacións para crear unha candidatura en consonancia cos requisitos do mercado da Unión Europea. É o 16 de abril ás 16 horas.
Ao día seguinte, o 17 de abril e no mesmo horario, celebrarase a terceira sesión, Coñecemento de habilidades dixitais no espazo europeo. Esta formación ten como referencia o Marco de Competencias Dixitais para a Cidadanía da UE para incidir no coñecemento de ferramentas de datos, comunicación e colaboración, creación de contido, seguridade e resolución de problemas.
Os tres obradoiros son independentes e con prazas limitadas, polo que é preciso rexistrarse para cada un deles antes do venres 12 de abril ás 14 horas na web da Deputación.

PUBLICIDADE