Facebook cancela o seu evento anual para desenvolvedores por mor do COVID-19

venres, 28 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A cancelación do Mobile World Congress anunciouse acompañada de numerosas teorías conspiranoicas que segundo pasan as semanas resultan máis ridículas, pois é evidente que o temor polo coronavirus é o motivo real que está a provocar a cancelación de grandes eventos en todo o mundo, como é o caso do F8, congreso para desenvolvedores de Facebook que tería que celebrarse os días 5 e 6 de maio no Centro de Convencións McEnery de San José (California), pero que finalmente non celebrará de xeito presencial a súa edición de 2020 por mor dos temores que suscita o COVID-19.
Dende Facebook decidiron que ser precavidos, e cancelar a celebración do seu evento anual, o que obrigaralles a adoptar un novo formato este ano, no que podería ser unha combinación de retrasmisións por streaming, publicación de vídeos e celebración de eventos locais, sobre os que darán máis detalles nas vindeiras semanas, cando teñan desenvolvido o novo programa do F8 2020.
Conscientes do impacto que sobre a cidade de San José terá a cancelación do evento, Facebook comprométese a achegar medio millón de dólares a entidades que traballan pola diversidade na industria tecnolóxica, dando prioridade ás que benefician a residentes en San José.

PUBLICIDADE