Formálizase a creación da Axencia Galega de Innovación

xoves, 12 de xaneiro do 2012 Redacción

O Goberno galego aprobou na súa reunión de hoxe o decreto de creación e de estatutos da Axencia Galega de Innovación (AGI), un novo organismo autónomo adscrito á Consellería de Economía e Industria que permitirá optimizar a eficiencia e xestión das políticas de I+D+i. O novo organismo, que entrará en funcionamento no prazo de dous meses segundo o marco temporal establecido, asumirá como punto de partida as competencias da actual Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, xestionando o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C).
O obxectivo fundacional da nova Axencia é fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e impulsar o crecemento e a competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Neste sentido, ademais de liderar as políticas de innovación da Xunta de Galicia, a AGI centrará os seus esforzos no fomento de estratexias de valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros tecnolóxicos e de investigación; na promoción das dinámicas de colaboración entre os axentes do Sistema Galego de Innovación; no impulso á internacionalización dos axentes e dos seus logros en materia de I+D+i; e na captación e xestión de talento innovador.
A creación da AGI, que contará con personalidade xurídica, patrimonio e tesouraría propios, responde ao compromiso adquirido nesta lexislatura pola Xunta de Galicia de establecer un réxime de actuación en materia de I+D+i baseado na xestión transparente por obxectivos, apoiándose no cumprimento de indicadores claros, medibles e orientados cara á mellora na prestación do servizo, sobre todo en termos de eficiencia no binomio recursos-resultados.
Entre os obxectivos inmediatos que a AGI abordará no seu primeiro ano de existencia están o incremento da participación en programas nacionais e internacionais de I+D+i por parte dos axentes galegos e o apoio á creación de empresas de base tecnolóxica e de empregos no marco do Sistema Galego de I+D+i ou na homologación de axentes de valorización do coñecemento e de axentes de dinamización de proxectos innovadores en colaboración.
Tamén se impulsará a articulación de proxectos de innovación que impliquen a cooperación entre diferentes axentes e traballarase na divulgación dos resultados da investigación financiada con fondos galegos e na difusión dos instrumentos de protección industrial (patentes e outros).

PUBLICIDADE