Francia ameaza con quitarlles Internet aos usuarios que descarguen contidos de xeito ilegal

luns, 26 de novembro do 2007 Raquel Noya

De acordo cun novo sistema antipiratería presentado o pasado venres en Francia, os usuarios de Internet que decote descargan de xeito ilegal música e películas poderían perder o acceso á Rede de maneira temporal ou definitiva.
Segundo este convenio tripartito entre provedores de servizos de Internet, o Goberno e os propietarios de dereitos de películas e discos, os devanditos subministradores de servizos distribuirán mensaxes de advertencia ós consumidores que descarguen arquivos ilegalmente; mensaxes que, de seren ignoradas, terían a seguinte consecuencia: as contas dos internautas poderán seren suspendidas temporalmente ou canceladas.
O labor de decidir en que casos se enviarán mensaxes electrónicas de advertencia ós usuarios irresponsables de Internet corresponderalle a unha autoridade independente que se establecerá para tal fin e estarán supervisadas por un xuíz.
O acordo tamén xera obrigas para as compañías cinematográficas e discográficas, que se comprometen a facer as súas obras accesibles a través de Internet máis rapidamente e a retirar barreiras técnicas como as que impiden que as pistas de música podan lerse en certos reprodutores.
O devandito acordo foi redactado por unha comisión que presidiu o conselleiro delegado da FNAC, un dos meirandes comercios de venta de música e películas que ve como este tipo de descargas ilegais están a devorar as súas ventas.

PUBLICIDADE