Grand Theft Auto V estrea o seu primeiro trailer
mércores, 2 de novembro do 2011
Hoxe é un día moi importante para moitos seareiros da saga Grand Theft Auto, pois Rockstar Games publicou
o primeiro trailer de Grand Theft Auto V,
xogo moi agardado e do que apenas hai información, de xeito que moitos amantes
desta franquía están a debullar o trailer, que chega acompañado por un tema
musical editado en 1968 pola banda británica The Small Faces, para intentar
saber máis detalles deste título en desenvolvemento, que parece estar
ambientado en Los Santos (versión de Los Ángeles que xa puidemos ver en GTA: San Andreas) e presenta un acabado
moito máis realista que edicións anteriores da saga.
O anuncio do GTA V coincide co 10º
aniversario de Grand Theft Auto III,
o título que levou a franquía a un mundo 3D, sentando as bases para as
seguintes entregas e levando a toda a saga a superar os 114 millóns de copias
vendidas en todo o mundo.
GTA V chegará en versións para PS3,
Xbox 360 e PC durante 2012, e polo pouco que puidemos ver no seu trailer, contará
cunha estética tan cinematográfica como é habitual na saga, e con elementos
tópicos na mesma como atracadores, prostitutas, inmigrantes ilegais... podendo
recuperar elementos doutras entregas como a xestión de propiedades.
Primeiro trailer de Grand Theft Auto V