InnovAmes pon en valor a capacidade de innovación das empresas amesás

venres, 26 de xaneiro do 2024 S. P.

Os gañadores do primeiro premio escolar de Innovames

O Concello de Ames organizou este venres, 26 de xaneiro, a terceira edición de InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames, que se desenvolveu no Pavillón Polideportivo do Milladoiro e na que estiveron presentes grandes referentes locais do ámbito tecnolóxico e do coñecemento avanzado. Durante toda a xornada participaron o alumnado e profesorado dos centros de ensino amesáns de Primaria e Secundaria, dez empresas locais, usuarios/as do centro coworking A Proa e representantes das tres universidades galegas. O Concello puxo na Rede un completo álbum de fotografías da xornada.
A xornada comezou ás 10.00 horas cunha mesa inaugural na que participaron Blas García, alcalde de Ames; Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; e Carmen Porto, concelleira de Educación e Mocidade. O evento estivo presentado pola xornalista, Loly Gómez.
O alcalde de Ames, Blas García, comezou agradecendo ao alumnado dos centros educativos a súa asistencia á xornada. Tamén amosou a satisfacción que supón para o Concello organizar actos coma este, “que queremos seguir mantendo para poñer en valor o traballo das empresas locais”. Así mesmo, destacou que “Ames é un concello de innovación e tecnoloxía, e temos que sentirnos orgullosos de todo o que aquí se produce”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “Ames é referente na innovación, e ten o privilexio de formar da rede Innpulso, que recoñece aos concellos que promoven políticas que incentiven a innovación”.
Carmen Porto agradeceu a implicación dos centros e destacou que “é un pracer que os centros educativos inclúan este evento na súa programación anual, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo entre empresas e alumnado para dar pé a novos proxectos”.
Xornada de innovación
Ao longo de toda a xornada houbo charlas, mesas de debate, obradoiros, presentáronse proxectos innovadores e ofreceuse información nos stands permanentes das empresas, universidades e centros de ensino.
Neste evento houbo un total de 20 stands nos que estiveron representadas 10 empresas amesás como We Robots, Cinemar, Cartogalicia, Altia, Nanogap, Sistemius, Airvision, Codery, Impulsa Dixital e Conic Vascular. Tamén participou Teimas que, aínda que non dispuxo de stand, interviu en relatorios e mesas de debate.
Tamén dispuxeron do seu propio stand as tres universidades galegas: USC, Campus de Ferrol (UDC) e Universidade de Vigo. Tamén participou o grupo SpaceLab, da Universidade de Vigo, persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxias – IGFAE e do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina - CINBIO, e persoal de CLUN - Cooperativas Lácteas Unidas. Durante o descanso da mañá os asistentes ao evento puideron achegarse á mesa saudable para probar os iogures de CLUN Feiraco.
Así mesmo, houbo varios stands dos centros escolares e do centro de coworking A Proa (O Milladoiro); e Radio Galicia - Cadena Ser emitiu o seu programa Hoy por Hoy dende o Pavillón do Milladoiro para dar cobertura ao evento. Pola súa banda, a produtora Ficción Producciones, que ten a súa sede en Ames, realizou unha reportaxe pola mañá para emitir no programa Hora Galega, da TVG, que se emite de 19:10 a 20:30 horas.
Programa da mañá
Tras o acto de inauguración, entregouse o premio InnovAmes para empresas. A empresa gañadora foi Impulsa Dixital, un proxecto de consultoría dixital que ofrece servizos de deseño web, desenvolvemento web, ecommerce e mantemento web a empresas autónomos de Ames, cun enfoque baseado na creación de contidos relevantes para o público obxectivo destas empresas. A continuación, os centros educativos expuxeron os proxectos que presentaron aos premios InnovAmes.
Unha vez rematadas as presentacións, comezaron as charlas e mesas de debate. Na primeira, na que se falou sobre Educación e Intelixencia Artificial, participaron Sonia Montenegro, profesora de educación infantil e primaria e autora do libro Inteligencia Artificial para Docentes con Corazón; Juan Francisco Puentes, catedrático de Ciclos Formativos na Xunta de Galicia; e Sara Guerreiro, investigadora postdoutoral na Universidade da Coruña.
A segunda mesa tratou o papel da Intelixencia Artificial no sector audiovisual con Olga Osorio, directora de cinema, xornalista, profesora e fotógrafa; Iván L. Gimeno, consultor de mercadotecnia dixital en Serea Films; e Simón Casal de Miguel, guionista, director e montador.
Premios educativos InnovAmes

A rapazada gañadora do segundo premio

Nesta segunda edición do premio InnovAmes para proxectos educativos, participaron os alumnos e alumnas do CEIP de Barouta e do CEIP Agro do Muíño, este último con dous proxectos. O alumnado do CEIP de Barouta presentou o proxecto MeteoBarouta, mentres que os/as alumnos/as de Agro do Muíño expuxeron os proxectos O xogo da robótica e A polinización das abellas.
O primeiro premio, valorado en 2.000 euros, foi para o CEIP de Barouta polo proxecto MeteoBarouta, un proxecto sobre a aplicación da información meteorolóxica e da IA no sector primario. O segundo premio de 1.500 euros recaeu no proxecto O xogo da robótica, do alumnado de segundo de Educación Infantil do CEIP Agro do Muíño, a través do que as crianzas aprenderon sobre fauna e flora de Galicia.

As nenas e nenas que gañaron o terceiro premio

O terceiro e último premio de 1.000 euros foi para o proxecto A polinización das abellas dos nenos e nenas de terceiro de primaria do CEIP Agro do Muíño, no que recrearon este proceso a través de mecanismos propios da robótica como sensores, eixos ou engrenaxes. A través deste premio tratouse de ofertar á comunidade educativa amesá un alicerce para implementar formación, emprendemento e innovación. Así, recoñeceuse a orixinalidade, a funcionalidade, material empregado e o valor educativo, entre outros, dos proxectos.
Obradoiros para alumnado dos centros de ensino
Tamén pola mañá houbo obradoiros en dúas zonas. Impartiuse o obradoiro Xincana Tecnolóxica, en dúas quendas (de 10.30 a 11.30 e de 12.00 a 13.00 horas), dirixido a alumnado de primaria; e realizouse o obradoiro Humano ou Chat GPT Como detectar textos feitos por IA, tamén en dúas quendas (de 10.30 a 11.30 e de 12.00 a 13.00 horas), dirixido a alumnado de secundaria.
Programa da tarde
Pola tarde, ás 16:30 horas, retomouse a actividade coa presentación das empresas que participaban con stand propio. A continuación, falouse de IA e realidade práctica na empresa con Rebeca Calvo, co-fundadora de Mentiness; Mar Rodríguez, CEO de NORNNA; Manuel Lama Penín, catedrático da USC en Ciencias da Computación e IA; e Román López Seoane, director de proxectos internacionais, IA e cloud computing de Bahia Software.
De seguido, ás 18:00 horas, celebrouse unha segunda mesa de debate sobre Novas tecnoloxías e sostibilidade. Nela participaron Marta Vázquez, líder do equipo de ventas en Teimas; Iria Rodríguez, directora do departamento de I+D de Nanogap; e José Sendín, avogado de Sistemius.
O peche da xornada foi ás 18:30 horas a cargo do alcalde de Ames, Blas García. Tamén houbo unha actuación musical, a cargo de María Iglesias.
Obradoiros sobre IA, mercadotecnia dixital e comercio electrónico
Pola tarde tamén houbo obradoiros, neste caso dirixidos a empresas e persoas maiores de 18 anos, sobre Intelixencia Artificial, mercadotecnia dixital e comercio electrónico. O obradoiro de IA e mercadotecnia dixital impartiuse de 16.30 a 17.30 horas, mentres que o obradoiro de IA e comercio electrónico desenvolveuse de 18.00 a 19.00 horas.

PUBLICIDADE