Intereconomía cesa as súas emisións na TDT de ámbito estatal

xoves, 13 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Esta mañá moitos televidentes espertaron vendo como na canle de TDT correspondente á Intereconomía aparecía un rótulo indicando “próximamente nueva programación”, sen referencia ningunha á marca que anteriormente ocupaba o espazo, dando a entender que podería desaparecer, o que finalmente confírmase, aínda que dun xeito parcial, pois tras moitas dificultades económicas a canle Intereconomía abandona a Televisión Dixital Terrestre de ámbito estatal, mantendo só a súa presenza nos territorios nos que ten licenza (Comunidade de Madrid e Comunidade Valenciana) e, posiblemente, a través das plataformas de televisión de pagamento, no que pode verse como unha volta ás orixes (Intereconomía naceu na televisión vía satélite).
Intereconomía asegura estar a redefinir a súa estratexia, suspendendo as emisións en aberto “dentro do marco de negociacións co Grupo Vocento”, co que ten unhas débedas que poderían chegar aos 10 millóns de euros, o que faría que a asociación entre as compañías fose insostible.
Neste últimos anos Intereconomía conseguiu facerse un nome na grella da TDT polos seus polémicos contidos e por dirixirse a un público moi segmentado, pero non conseguiu que tal éxito puidese traducirse en ingresos económicos, acumulando perdas ano tras ano, o que levou a cadea a realizar unha drástica redución de persoal e a adoptar medidas como a que coñecemos hoxe (o cesamento de emisións na TDT de ámbito estatal) que non parecen ser abondas para superar as importantes débedas que acumula todo o seu grupo de comunicación.

PUBLICIDADE