Logitech achega a comodidade do traballo no escritorio a equipos portátiles

xoves, 29 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Logitech está a pór á venda nos EE.UU. a un prezo de 179,99 dólares un agardado complemente para os nosos equipos portátiles, o Casa Pop-Up Desk. Trátase dun lote que inclúe un teclado, un touchpad e unha funda de transporte con forma de libro que pode transformarse nun soporte de portátil, de xeito que permite que un ordenador portátil ou unha tableta adopte unha disposición máis propia dun equipo de sobremesa, facendo máis cómoda unha longa xornada de traballo.
Esta solución preséntase como un xeito de traballar comodamente no fogar cun equipo destinado ao seu uso en mobilidade, sen que sexa preciso contar cun espazo fixo no domicilio, xa que estes accesorios poden recollerse tras o uso e transportarse con facilidade para pode ter un cómodo escritorio informático en calquera parte.
O Casa Pop-Up Desk leva comercializándose uns meses en Reino Unido, Australia e Nova Zelandia, e tras o seu éxito decidiron ampliar a súa distribución a EE.UU., polo que parece bastante probable que en poucas semanas o vexamos tamén en Europa, aínda que con este tipo de dispositivos sempre resulta complexo adiviñar cando chegarán ao noso territorio e se teremos todos os modelos dispoñibles, polo mero feito de que os teclados precisan de personalización rexional, o que complica a súa produción.

Vídeo promocional do Casa Pop-Up Desk

PUBLICIDADE