Máis da metade dos fogares galegos teñen contratada unha liña de banda larga

mércores, 16 de maio do 2012 Redacción

Máis da metade dos fogares de Galicia (51,6%) teñen contratada a conexión a Internet mediante banda larga, un 11% máis que no ano 2010, segundo os últimos datos do INE 2011. As principais formas de conexión a Internet a través de banda larga na Comunidade son o ADSL (o 55,6% dos fogares con conexión a Internet) e o cable/fibra óptica (28,4%). Entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 18,7% accede mediante conexión móbil de banda larga, o que supón o 5,6% máis que a media estatal.
Por outra banda, a porcentaxe de galegos con posibilidade de contratar o servizo de Internet sitúase hoxe no 90% fronte ao 70% de 2009. Este incremento do 20% na accesibilidade á rede nos últimos dous anos foi posible grazas ás actuacións desenvolvidas no marco do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia.
O ritmo de crecemento de Galicia é superior á media estatal en varios indicadores sobre equipamento e uso das TIC pero non se acada a converxencia coa media estatal debido, principalmente, ao envellecemento e dispersión poboacional xunto coa súa singular orografía.
Así, en Galicia, o 34,5% da poboación ten máis de 55 anos fronte ao 27,7% de España e as 7 grandes cidades de Galicia só concentran o 35,7% da poboación. Isto unido a unha retrasada posición de partida en 2009 con preto de 800.000 galegos sen posibilidade de acceso á Rede fan que Galicia sega ocupando as últimas posicións no conxunto do Estado. Esta situación estase a reverter paulatinamente grazas ao Plan de Banda Larga que a día de reduciu en máis de 460.000 os galegos sen cobertura.

PUBLICIDADE