Máis de 1.000 vivendas de Xove contan xa coa Internet de alta velocidade de Adamo
luns, 19 de abril do 2021
- Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove, e David Llano, responsábel de Adamo en Galicia
A
operadora Adamo fixo un novo balance dos seus traballos para levar
cobertura de fibra óptica e Internet de alta velocidade aos
concellos de Lugo. No que respecta a Xove, a compañía vén de
informar de que máis dun milleiro de vivendas e empresas do termo
municipal mariñán xa contan co tido servizo. A cifra incrementarase
en datas vindeiras, xa que Adamo prosegue arestora cos seus traballos
para equipar os núcleos de Xove coa que sería, nas súas palabras,
“a fibra óptica máis rápida que existe hoxe no mercado, cunha
taxa de 1.000 Mbps.
Adamo
conta para este despregamento coa colaboración das autoridades
locais e, en particular, do alcalde, Demetrio Salgueiro. Iso quedou
de manifesto na presentación do servizo que proporciona o operador
de telecomunicacións efectuada por David Llano, responsábel de
Adamo en Galicia, aos representantes municipais.
“Como
alcalde, podo dicir que o obxectivo de que Xove puidese dispor de
conexión de alta velocidade de calidade sempre foi unha prioridade
para o concello. Nese sentido, a chegada de Adamo cumpre
perfectamente as expectativas municipais e este fito, a maiores,
suporá un antes e un despois para moitos veciños, que agora poderán
dispor dun servizo que até hai pouco se vía imposible e que servirá
para mellorar a súa calidade de vida, ao poder dispor dun bo acceso
a Internet. Ao mesmo tempo, posibilitará o asentamento de poboación
nos núcleos rurais que, en moitas ocasións, sofren unha perda de
habitantes precisamente por carecer de servizo”, explicou o rexedor
na citada reunión.
Máis
de 50.000 vivendas conectadas en Lugo
Desta
maneira, o operador prosegue co seu desenvolvemento en Lugo,
provincia na que xa fornece sinal a 50.000 fogares. Entre outros
concellos, en Begonte, Cervo, A Fonsagrada, Barreiros ou Foz, así
como na parroquia de Celeiro.
Outros
76.500 domicilios en Lugo
Este
paso en Xove enmárcase na aposta da compañía pola provincia, na
que instalará Internet de alta velocidade para 26.530 inmóbeis ao
longo de 2021 e 2022. Sumados ás 50.000 actuais, Adamo alcanzará un
total que pasa as 76.500 vivendas na súa rede lucense durante o
vindeiro bienio.
Este
proceso de medre apóiase, por unha banda, nas subvencións do
Programa de Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA) do Ministerio de
Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que está
co-financiado pola Unión Europea (UE). En conxunto, Adamo resultou
adxudicatario de 80 millóns de euros para dotar de fibra óptica a
preto de 500.000 vivendas situadas en 20 provincias. Dese orzamento,
máis de 5,8 millóns destinaranse á instalación desta
infraestrutura en Lugo para facilitar, así, a comunicación dos xa
citados 26.530 fogares. Por outra banda, esta expansión é posíbel
grazas tamén aos investimentos de Adamo, que agregará capital
propio para o subministro de Internet de alta velocidade.