Meta decide compartir a súa tecnoloxía de realidade estendida con terceiros

luns, 22 de abril do 2024 Marcus Fernández

Actualmente o mercado da realidade virtual e a realidade estendida está claramente liderado por Meta, e agora que Apple aspira a facerse un oco no mercado co que chaman computación espacial, a compañía de Mark Zuckerberg decidiu mover ficha optando por unha maior apertura, para ser o equivalente a Android nesta categoría de produtos.
O primeiro anuncio realizado hoxe consiste en pór nome ao sistema operativo co que funcionan os visores Meta Quest, que pasa a chamarse Meta Horizon OS, coa aspiración de converterse na base dunha nova xeración de produtos e servizos que tanto perseguen a achega de experiencias de realidade mixta como queren aproveitar o potencial social desta tecnoloxía.
Como consecuencia desta nova marca a tenda de aplicacións tamén pasará a chamarse Meta Horizon Store. A nivel de software tamén estreitarán a barreira entre a Meta Horizon Store e o App Lab (tenda de aplicacións moito máis aberta, que pasará a integrarse na tenda oficial como unha categoría especial, facilitando así a distribución de aplicacións independentes a unha maior audiencia).
Tamén está previsto que lancen un framework para aplicacións espaciais, facilitando que os creadores de aplicacións móbiles poidan adaptalas a experiencias de realidade mixta.

Apertura a hardware de terceiros

Imaxe conceptual da realidade estendida aplicada ao xogo en streaming

A nivel de hardware, Meta tamén abre a porta a terceiros, que poderán desenvolver dispositivos que funcionen con Meta Horizon OS, e xa adiantan que varios fabricantes estarían comprometidos con esta iniciativa, de xeito que Asus, coa súa liña de produtos Republic of Gamers, desenvolverá solucións de alto rendemento para xogar; Lenovo pretende aplicar esta tecnoloxía a dispositivos de realidade mixta para a produtividade, a aprendizaxe e o lecer; e incluso estreitan lazos con Xbox, que dende hai meses ofrece a posibilidade de gozar do seu xogo na nube nunha pantalla virtual xigante valéndose de visores Meta Quest, de xeito que comercializará unha edición limitada de Meta Quest inspirada en Xbox.

PUBLICIDADE