Michael Jackson estrea videoxogo para PS3 e Xbox 360

xoves, 14 de abril do 2011 Marcus Fernández

O pasado Nadal as tendas de videoxogos tiñan nas súas estanterías o título para Wii Michael Jackson The Experience, que viña a ser unha especie de versión temática do Just Dance, no que podía imitarse ao Rei do Pop valéndose dos mandos da consola doméstica de Nintendo, e hoxe temos finalmente as versións para Xbox 360 e PlayStation 3, que tiran proveito dos novos sistemas de control de movemento destas consolas.
A versión de PlayStation 3 permite revivir as actuacións máis memorables de Michael Jackson facendo uso do mando de PlayStation Move e, de contar cun micrófono compatible coa PlayStation 3, tamén poderanse cantar temas como Billy Jean, Beat It, Remember the time, Smooth Criminal ou Thriller; pero a entrega que promete ser máis espectacular do xogo é, sen dúbida, a de Xbox 360, pois aproveitará o sensor Kinect para permitir emular a Jackson co noso corpo, imitando as súas coreografías e podendo tamén cantar de contarmos co micrófono correspondente.
Os seareiros máis fieis a Jackson poderán estar interesados en facerse cunha edición coleccionista que está á venda en exclusiva na UBIShop por 79,95 euros e que inclúe o xogo para Xbox 360, a canción exclusiva Another part of me, 1 micrófono sen fíos, 1 camiseta oficial de Michael Jackson e un libro coas letras das cancións de Michael Jackson.


Trailer da versión de PlayStation 3 de Michael Jackson The Experience

O xogo ten unha edición de coleccionista para Xbox 360

PUBLICIDADE