Motel Valkirias chegará á TVG e a HBO Max a primeiros de marzo

luns, 20 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

A serie Motel Valkirias, froito da colaboración entre as produtoras SPi e CTV, as televisións RTP e TVG e a plataforma dixital HBO Max, está a ultimar o seu lanzamento, e ao outro lado do Miño xa presentaron cando poderá verse a serie protagonizada por Marina Mota, Maria João Bastos e María Mera (con moita máis participación de intérpretes galegos). A estrea da serie terá lugar o luns 27 ás 22:30 na RTP1, aínda que cómpre salientar que os episodios estarán dispoñibles en primicia en RTP Play ás 12:00.
En España xa está confirmado que a serie verá a luz o 1 de marzo a través de HBO Max, salientándose o feito de que Motel Valkirias poderá verse en versión orixinal (gravouse en galego e portugués) e tamén dobrada ao español. Confíase en que nos vindeiros días a TVG anuncie a estrea da serie para o público galego na TDT o 6 de marzo.
A serie de televisión narra a historia de Lucía, unha nai que foxe do seu ex-marido, Eva, unha actriz en declive, e Carolina, a dona do motel que está en bancarrota, mulleres que van unirse cun obxectivo común: atopar unha misteriosa mercadoría que pertence a un cliente do motel e que pode ser a solución para todos os seus problemas. O que elas non saben é que corren perigo de morte. A mercadoría pertence a unha perigosa mafia dedicada ao lavado de cartos, os Mendonça, que non dubida en recuperar o que é seu, custe o que custe.
A historia repartirase en 8 episodios de 50 minutos, que no caso de HBO Max estarán dispoñibles de vez a partir do 1 de marzo.

A serie conta coa participación de numerosos intérpretes galegos

Tráiler da estrea da serie na RTP1

PUBLICIDADE