Motorola lanza un móbil de gama media para os que non queren agardar pola 5G

martes, 7 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Para os que non queren seguir agardando pola 5G Motorola porá á venda mañá mesmo en Europa o seu novo Moto G 5G Plus, un smartphone que custará 349 euros con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e 399 euros con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
Este novo teléfono está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 765 optimizado para a 5G; a súa pantalla CinemaVision Full HD+ de 6,7 polgadas con formato ultrapanorámica (21:9) e HDR10 promete unha experiencia multimedia vibrante á vez que tamén soporta taxas de refresco de 90 Hz para unha maior sensación de fluidez; a súa batería de 5.000 mAh con TurboPower de 20 watts promete autonomía para até 2 días de uso e cargas moi rápidas; pode desbloquearse mediante recoñecemento facial ou cun lector de impresións dixitais lateral; ten Wi-Fi AC, Bluetooth 5.1, NFC, dobre SIM e toma para auriculares; e tamén coida as súas cámaras, contando cunha cámara frontal dual (cun sensor de 16 Mpíxeles con tecnoloxía Quad Pixel e un sensor de 8 Mpíxeles con ángulo superancho para selfies grupais) e unha cámara traseira cun sensor principal de 48 Mpíxeles e un grande angular de 8 Mpíxeles que presume dun ángulo de visión de 118 graos (tamén ten un macro de 5 Mpíxeles e un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles).
O Moto G 5G Plus chega así ao mercado para satisfacer a demanda da vindeira xeración de telefonía móbil e queren gozar dunha experiencia de uso bastante pura, xa que este terminal con Android 10 chega cunha capa de personalización moi pura, como é habitual en Motorola.

JPEG - 73 KB
O Moto G 5G Plus ten unha pantalla cunha relación de aspecto 21:9

PUBLICIDADE