O 24 abre as súas portas (dixitais) a Feira Virtual de Emprego da USC

xoves, 18 de abril do 2024 S. P.

A semana vindeira vaise celebrar na Universidade de Santiago un encontro en liña para aproximar á comunidade de estudantes ás necesidades reais e actuais do ámbito empresarial. A Feira Virtual de Emprego da USC desenvolverase do mércores 24 ao xoves 25 de abril coa vontade de que as persoas usuarias accedan a empresas con ofertas de traballo, charlas de interese en materia de empregabilidade e chats para aclarar dúbidas.
As persoas interesadas xa poden rexistrarse na plataforma habilitada para acoller a Feira e deixar os seus datos xunto cun currículo en formato PDF. O evento diríxese tanto a alumnado da USC como a persoas xa tituladas pola institución compostelá.
A Feira abrirá o 24 de abril ás 08.00 horas e pechará un día despois, ás 20.00 horas. Ao longo das dúas xornadas as persoas rexistradas poderán presentar o seu currículo a ofertas de emprego, asistir ás charlas ofertadas na sección Axenda de Conferencias con inscrición previa, chatear coas empresas e co persoal da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC, ou acceder a múltiple información das entidades participantes (vídeos, ligazóns ou redes sociais, entre outras).
Na lapela de expositores, verase unha listaxe dos que están conectados e facendo clic en calquera deles, poderán atoparse as persoas representantes desa entidade que están en liña e poden chatear tanto pola canle pública como polo privada. As persoas usuarias poden ter varias conversas ao mesmo tempo, compartir documentos e mesmo solicitar unha vídeo-chamada a través do videochat integrado da plataforma, explican dende a organización da Feira.

PUBLICIDADE