O 60% do concello de Carnota xa ten cobertura de fibra óptica de Movistar

xoves, 20 de agosto do 2020 S. P.

O sesenta por cento do territorio de Carnota xa ten fibra óptica de Movistar. Así o fixo saber esta semana a operadora, facendo reconto dos traballos levados a cabo no dito concello coruñés para dotalo de cobertura de Fibra Óptica Até o Fogar (FTTH). En concreto, a compañía engadiu 238 novas vivendas e locais ás 2.274 unidades que xa tiñan o dito servizo posto á súa disposición por Movistar, o que supón, como dixemos, o 60% por cento da cobertura no termo municipal. As novas unidades inmobiliarias engadidas sitúanse en once núcleos de poboación: Canedo, Capelán, Cornido, Cruces, Louredo, Parada, Piñeiros, Ratieira, Riazón, Rieiro e O Viso.
A posta en cobertura destes fogares, que xa foi comunicada ao alcalde. do municipio, José Manuel Saborido, significa que aqueles poderán gozar da fibra óptica de Movistar, que ofrece voz con alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos (computador, tableta, móbil) de xeito simultáneo e sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes. Ademais, engade a operadora no seu balance, “se os usuario dispoñen de Movistar+ terán acceso a canles de alta definición e poderán gozar dos seus contidos mentres navegan por Internet”. Igualmente conseguirán a máxima velocidade e resposta nos xogos en rede.
O despregue nos novos fogares que entran agora en cobertura está impulsado polo Ministerio de Economía a través do Plan Nacional de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración - PEBANG. Telefónica continúa así coa súa política de colaboración público-privada para situar a Galicia á vangarda en infraestruturas de telecomunicacións de última xeración.
Telefónica engade que a finais de 2019, o 56% da poboación da provincia da Coruña contaba con cobertura de fibra óptica (FTTH) de Movistar, o que supuxo un total de 444.526 vivendas e negocios e un 11% máis que no exercicio anterior.
A previsión é que na provincia da Coruña entren este ano en cobertura outras 39.913, tamén en núcleos dispersos e orograficamente complexos, aumentando nun ao redor de 9% a poboación da provincia que poderá gozar da fibra óptica de Telefónica.

PUBLICIDADE