O CITIC celebrou o Día da Ciencia na Rúa apostando firme polas tecnoloxías inclusivas

martes, 7 de maio do 2024 S. P.

A Coruña celebrou o sábado 4 de maio o Día da Ciencia na Rúa coa asistencia dun milleiro de persoas, demostrando a responsabilidade da cidade herculina coa divulgación científica e a participación cidadá. A presenza do CITIC un ano máis neste evento, fortalece o seu rol como axente activo na transferencia de coñecemento e tecnoloxía, e destaca o seu compromiso coa inclusión social e a accesibilidade.
O CITIC uniuse á celebración cun programa deseñado para fomentar unha experiencia interactiva e educativa para todos os asistentes co foco posto nas tecnoloxías inclusivas. Desde temperán e ata o atardecer, o centro ofreceu diferentes actividades estreitamente comprometidas coa innovación, a investigación e a inclusión social.
O obradoiro de circuítos e luz que dirixiron Adriana Dapena e Paula María Castro, investigadoras do CITIC, ofreceu aos participantes unha experiencia práctica para comprender os principios básicos da electricidade e a iluminación. Na carpa principal, os asistentes tiveron a oportunidade de mergullarse no mundo da tecnoloxía adaptativa e a inclusión a través de varios proxectos que foron explicados por persoal investigador do centro. Os rapaces e rapazas puideron probar xogos de realidade virtual acondicionados para persoas con discapacidade, como o Mario Kart na Nintendo Switch, que conta cunhas adaptacións para os mandos feitas en impresión 3D que permitían o seu manexo a través do tronco ou da cabeza.
Ademais, expuxéronse outros produtos que empregan Makey Makey ou micro:bit, da man das investigadoras Betania Groba, Patricia Concheiro e María del Carmen Miranda, como un piano de texturas artesán ou un balancín que permite xogar a videoxogos empregando só o movemento das pernas. Esta ferramenta funciona como un mando de consola e está feita a partir dunha táboa de equilibrio que normalmente se utiliza para exercicio físico. “Non sabía que se podía xogar ao Mario Kart coa cabeza. É moi difícil para min, pero é importante que todos os nenos poidan desfrutar como o fago eu”, comentaba entusiasmada Clara, unha das nenas que tivo ocasión de probar o proxecto de mandos adaptados.
Tamén se amosaron as HoloLens ou o Robobo, o robot que funciona co teléfono móbil e que foi ideado por investigadores do CITIC para o seu uso como ferramenta educativa en Intelixencia Artificial e robótica.
Ademais das presentacións na carpa principal, o CITIC contou co proxecto de Raúl Martínez Díaz, un videoxogo personalizado para as persoas con discapacidade, no que os participantes debían clasificar e arrastrar diferentes obxectos, frecuentes nunha casa, ao espazo concreto ao que pertencían. Tal e como comentaban os participantes “é unha ferramenta que permite traballar as habilidades psicomotrices, así como a concentración, a memoria ou a asociación de obxectos”. Diego Darriba, investigador do CITIC, empregou un Robot Maqueen para amosar aos máis pequenos como o aparello percorría un circuíto dándolle unhas directrices a través de Microsoft MakeCode, unha plataforma para aprender a programar en liña.
Os estudantes do IES Maximino Romero de Lema amosaron o prototipo deseñado como parte do programa Talentos Inclusivos, que está a celebrar a súa cuarta edición. O grupo do centro educativo está a traballar nun comunicador que, mediante un botón, emite unha mensaxe e, á súa vez, proxecta unha imaxe animada con Intelixencia Artificial que pode empregarse para tarefas cotiás, coma pedir auga. “O obxectivo deste reto é facilitar a comunicación dos usuarios con parálise cerebral”, tal e como explicou Iván, o alumno de dito centro.
Desde o seu nacemento, o proxecto Talentos Inclusivos reflicte o compromiso do CITIC co desenvolvemento de solucións prácticas e efectivas para as necesidades reais da comunidade, ó tempo que achega a realidade das persoas con discapacidade á mocidade e a sociedade en xeral.
Tamén se presentaron proxectos innovadores, como GriDall-e, unha adaptación de Manuel Lagos e Paula de Santos, investigadores do centro, para a xeración de imaxes con IA. Así, os nenos e nenas tiveron a posibilidade de crear diferentes debuxos a partir dunha serie de opcións que podían engadir, como a paisaxe de fondo, persoas ou animais, cores da roupa ou expresións faciais. Francisco Rodríguez, que traballa no modelado de personaxes en 3D para xogos no ámbito das persoas con discapacidade, fixo una demostración dunha animación dun reno en 3D no entorno dunha das salas do CITIC.
No marco da xornada, puxéronse en marcha algunhas demostracións de produtos deseñados en edicións pasadas de Talentos Inclusivos, como a pintura con produtos de apoio de cabeza, co que os rapaces puideron poñer a proba as súas habilidades artísticas.
A contribución do CITIC ao Día da Ciencia na Rúa é un claro exemplo de como a ciencia e a tecnoloxía poden ser aplicadas para o beneficio social. Este enfoque, ademais de promover a accesibilidade e a autonomía persoal, subliña a importancia da investigación centrada no usuario no eido da tecnoloxía, demostrando que esta pode e debe ser deseñada para todos, e asegurando que os avances científicos contribúan a unha sociedade máis equitativa e integradora.

PUBLICIDADE