O CITIC participa nun proxecto que favorece a inclusión universitaria de persoas con discapacidade

venres, 7 de xuño do 2024 S. P.

Un grupo de investigadoras do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) participa no proxecto Erasmus+ Design2Freedom. Coordinado pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), ten como obxectivo principal promover a accesibilidade e a inclusión de persoas con discapacidade a través da tecnoloxía.
Recentemente, o grupo tivo a oportunidade de participar nunha sesión de Learning, Teaching and Training (LTT) en Madrid, onde compartiu a súa experiencia e coñecementos no eido da tecnoloxía para persoas con discapacidade. Betania Groba, Carmen Miranda, Patricia Concheiro e Thais Pousada, todas elas investigadoras do Grupo TALIONIS, representaron á UDC durante esta xornada formativa. A súa contribución centrouse na accesibilidade e na presentación de tecnoloxías e produtos de apoio, incluíndo temas como impresión 3D, software para comunicación e ferramentas para a creación de contidos dixitais accesíbeis.
“As accións de difusión de proxectos europeos como Design2Freedom son fundamentais para promover a inclusión e a igualdade de oportunidades”, explicou Thais Pousada, quen engadiu que “na UDC, estamos comprometidos coa investigación e a innovación neste campo, e estamos encantados de contribuír a iniciativas que teñen un impacto positivo na sociedade”.
Os vindeiros pasos do proxecto inclúen unha reunión en Eslovaquia en setembro, seguida dunha formación en novembro no CITIC. Isto servirá como base para que cada entidade realice pilotos nas universidades participantes, integrando todos os aspectos traballados nas xornadas formativas.
Para máis información sobre o proxecto Design2Freedom e a participación do Grupo TALIONIS, pódese consultar a web de COCEMFE.

PUBLICIDADE