O CPEIG e AMTEGA iniciaron os obradoiros do programa Mática

luns, 28 de xuño do 2021 Sandra Rivadulla

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) iniciaron este 28 de xuño os obradoiros do programa Mática. Esta iniciativa lévase a cabo coa colaboración das tres universidades galegas, co fin de crear unha comunidade de rapazas de entre 12 a 18 anos en Galicia que permita desenvolver as súas competencias no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Mática enmárcase no eixo do programa Tech Kids e pretende promocionar actividades de formación, capacitación e difusión no ámbito das tecnoloxías en Galicia. Desta forma, os talleres foron inaugurados hoxe telematicamente polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a directora de AMTEGA, Mar Pereira.
D e feito, o primeiro gran evento deste programa foi un campamento tecnolóxico que se desenvolveu este luns 28, aínda que tamén realizarase mañá e o mércores de forma presencial en tres sedes diferentes. Nel participan un centenar de rapazas na Facultade de Informática da Coruña da Universidade da Coruña, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago e na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense da Universidade de Vigo.
As actividades do campamento estarán dirixidas por profesoras e investigadoras, así como estudantes dos últimos cursos das titulacións de enxeñaría e informática. En xeral, impartiranse talleres de iniciación ao pensamento computacional, programación móbil, robótica e intelixencia artificial, ademais de charlas con profesionais de recoñecido prestixio ou visitas aos centros de investigación das universidades.
Segundo a vicepresidenta do CPEIG, Susana Ladra, “o programa Mática permitirá coñecer a estudantes de puntos moi distantes de Galicia que queiran estudar estas titulacións no futuro, creando lazos de amizade e colaboración”.

PUBLICIDADE