O CPEIG incidirá na ciberseguridade para a rapazada no marco da Mobile Week Coruña

xoves, 22 de novembro do 2018 Redacción

Mergullados de cheo nas moitas e variadas actividades do Mobile Week Coruña, cómpre (agora) dar conta das citas principais do programa, que se desenvolve a cabalo entre Coruña, a súa área metropolitana e Santiago. Entre elas cóntanse as organizadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Máis polo miúdo, a entidade profesional que preside Fernando Suárez, participará o sábado 24 de novembro con dúas xornadas sobre navegación segura en Internet e un obradoiro de pilotaxe de vehículos aéreos non tripulados, drons.
O CPEIG impartirá dúas xornadas do programa Navega con rumbo, destinado a alumnado, docentes e familias. Celebraranse ás 11:00 horas e ás 17:00 horas no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña (rúa de Veeduría, 2). Por unha banda, o programa está encamiñado directamente aos escolares para guialos cara unha navegación segura, responsábel e útil en Internet e, deste xeito, “previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso”; e doutra banda, tamén fai partícipes aos pais, nais e profesores das recomendacións precisas e que, a súa vez, actúen como correa de transmisión.
Ademais, o colexio organizará un obradoiro de pilotaxe de drons para nenos e nenas, o sábado entre as 16:00 e as 18:00 horas en ExpoCoruña (rúa Juana Capdevielle, 2). Iniciaranse a rapaces entre 8 e 16 anos no mundo dos drons, creando un circuíto de habilidade onde poidan practicar a pilotaxe destas aeronaves.
Finalmente, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a experta en seguridade dixital e membro da xunta directiva do CPEIG, Pilar Vila Avendaño, participarán na mesa de debate sobre Ética e tecnoloxía, o sábado no paraninfo da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, 9) ás 18:00 horas. Reflexionarase sobre as oportunidades e desafíos que ofrecen as novas tecnoloxías, a Intelixencia artificial, o uso de datos persoais, a información a gran escala (Big Data) e os límites que poden formularse neste eido.

PUBLICIDADE