O Centro Demostrador TIC achegará dúas sesións formativas sobre o xestor Drupal

xoves, 10 de setembro do 2015 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia segue adiante coas súas actividades de divulgación open source a prol da operatividade do terceiro sector, ou sexa, aquel que abrangue as nosas entidades e asociacións sen arela de lucro. Se hai uns días falamos do ciclo de ferramentas libres que comeza hoxe, este venres toca falar doutra iniciativa cun aquel máis específico: un achegamento práctico a profesionais TIC e do terceiro sector ao xestor de contidos Drupal. Esta achega formativa será dupla (son dúas sesións) e desenvolverase no Centro Demostrador TIC os días 15 e 20 de setembro.
As sesións devanditas son as seguintes: a do 15, Desenvolvemento de portais web con Drupal: nivel básico e a do 20, Desenvolvemento de portais web con Drupal: nivel avanzado. Celebraranse en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 18.30.
Na primeira das achegas, de nivel básico, as persoas asistentes coñecerán os fundamentos de Drupal e aprenderán a crear e a xestionar unha páxina web tirando proveito deste sistema de xestión de contidos. Na segunda das sesións, de nivel avanzado, os participantes afondarán no emprego e configuración de Drupal con características avanzadas do sistema, emprestando especial atención á seguridade, ao rendemento e á marxe de flexibilidade de portais web.
Segundo informa AMTEGA, os principais destinatarios desta actividade son os profesionais TIC e os responsábeis de xestionar as webs de entidades do terceiro sector ou empresas que queiran crear unha páxina web en Drupal ou ben xa administran unha e desexan afondar na súa utilización e na incorporación de máis funcións. Alberto Permuy, arquitecto especialista de Drupal, será o encargado de impartir os seminarios.
Ambos seminarios forman parte dun ciclo formativo de solucións libres para o terceiro sector o organizadas pola AMTEGA en colaboración con EAPN Galicia (Rede Galega contra a Pobreza), que comezou o pasado día 10. Trátase dun total de nove actividades que se impartirán nos vindeiros meses e que están especialmente pensadas para este sector da economía composto por entidades sen ánimo de lucro.
Ao longo do mes de setembro están xa programadas as seguintes xornadas: Monta a web da túa asociación con WordPress (17 de setembro) e Owncloud: comparte os arquivos da túa nube de forma autónoma (24 de setembro).

PUBLICIDADE