O Centro de Atención ao Contribuínte da Deputación de Pontevedra atendeu 2.537 emails máis que en 2014

xoves, 8 de outubro do 2015 Redacción

A Deputación de Pontevedra vén de facer reconto do acadado recentemente a través do seu Centro de Atención ao Contribuínte. O estudo, que abrangue a actividade de todo ano, certifica que o dito servizo atendeu durante 2015 un total de 18.484 demandas de información. No informe, e a falta dos datos que restan do que queda de ano, sinálase que houbo 1.847 chamadas e 2.537 correos electrónicos máis que en 2014. O Centro de Atención ao Contribuínte insírese no servizo ORAL da Deputación. O ORAL ten como obxectivo informar e asistir ao contribuínte, así como xestionar, liquidar, inspeccionar e recadar os tributos e demais ingresos públicos dos concellos e doutras entidades públicas que o deleguen.
O Centro de Atención ao Contribuínte do ORAL púxose en marcha, precisamente, para achegar a administración á cidadanía, ofrecendo aos pontevedreses información e asesoramento ao tempo que se lles aforran “desprazamentos innecesarios”. Falamos pois dun servizo abeirado ao que se coñece como Administración Electrónica.
En concreto, o centro encárgase de facilitar información sobre dúbidas tributarias e outros ingresos públicos (impostos sobre bens inmobles, actividades económicas, vehículos, construcións, plusvalías, taxas sobre lixo ou auga e multas de tráfico, entre outros), remisión de documentación (solicitudes, cartas de pagamento, xustificantes de pagamento de recibos ou liquidacións, etc.) e do asesoramento sobre xestións tributarias (domiciliación de pagamentos, fraccionamentos e actualización ou modificación de datos, entre outros).
Durante o ano 2014 o Centro de Atención ao Contribuínte atendeu 16.647 chamadas. No que levamos de 2015, sen contar cos datos dos últimos tres meses do ano, atendeu 18.484 chamadas, é dicir, recibíronse 1.847 chamadas máis que en 2014.
En canto ao correo electrónico, recibiu 2.027 correos en 2014. Neste intre (comezos de outubro) xa foron enviados e atendidos 2.537 correos máis que en 2014, é dicir, un total de 4.559 mails en 2015.
Por último, lembrar que o servizo do ORAL da Deputación, co obxectivo “de facilitar as xestións dos contribuíntes e aforrarlles viaxes”, conta tamén cunha oficina virtual tributaria na que se poden realizar pagamentos e solicitar duplicados de recibos, ver o detalle dos recibos domiciliados, os valores de embargo ou a revisión de padróns.

PUBLICIDADE