O Concello de Muros activa unha nova canle de información coa veciñanza vía WhatsApp

mércores, 27 de marzo do 2024 S. P.

O Concello de Muros activou estes días un novo servizo de información municipal vía Whatsapp: a canle tecnolóxica Muros Hoxe. A través dela, a veciñanza disporá dunha nova ferramenta de comunicación que “lle permitirá estar informada de todo o que ocorre no ámbito municipal a través do seu móbil e de xeito instantáneo”, informou a alcaldesa María Lago.
Con este novo servizo, os veciños e veciñas tamén terán constancia das últimas novidades sobre a actividade municipal, a axenda cultural, obras, avisos urxentes e outras noticias e informacións de interese.
“Con esta nova canle, damos un novo paso para axilizar, dinamizar e garantir unha correcta información aos veciños e veciñas”, explicou a rexedora, engadindo que o servizo consiste “nunha lista de difusión, non é un grupo no servizo de mensaxería, polo que os usuarios non terán acceso aos datos ou información do resto dos rexistrados/as na canle de WhatsApp”.
Para acceder a esta canle do Concello de Muros, só hai que agregar á axenda de contactos o número teléfono 626 861 270 e enviar unha mensaxe coa palabra ALTA.

PUBLICIDADE