O Goberno achega un servizo de videochamada para axudar aos maiores a facer a declaración

venres, 26 de abril do 2024 S. P.

Este 25 de abril o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, asistía a Taboadela (Ourense) para informar do novo programa da Axencia Tributaria que ofrece xa nesta campaña ás persoas maiores dos concellos rurais de Galicia a posibilidade de facer por videochamada a súa declaración da renda. Dicir que esta proposta estará dispoñíbel para as 34.000 persoas maiores de 65 anos residentes nos 52 concellos adheridos á iniciativa, todos eles de menos de 3.000 habitantes.
Nesta presentación, o delegado estivo acompañado polo alcalde, Álvaro Vila; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; o delegado da Axencia Tributaria en Galicia, Miguel Cárcaba; e a delegada deste organismo na provincia, Carmen Paula Pintos.
Engadir que até o de agora, esta iniciativa atópase nunha primeira fase piloto, de maneira que máis concellos dos 158 que integran os chamados de Reto Demográfico en Galicia serán susceptíbeis de unirse tamén ao programa.
Indo ao programa en cuestión, sinalar que a cita para o servizo de confección de declaracións por videochamada poderá solicitarse a partir do 29 de abril, comezando o servizo como tal o 7 de maio. As citas poderán ser solicitadas nas respectivas casas do concello e a través da sede electrónica da Axencia Tributaria, xunto co resto de servizos de asesoramento que achega. No momento en que un veciño ou veciña destes municipios solicite cita para facer a declaración da renda, ofreceráselle facela a través de videochamada. Unha vez teñan cita, tan só terán que achegarse ao concello para ser atendidos por persoal da Axencia Tributaria. Na mesma videochamada xa poderán deixar presentada a súa declaración.
Ademais da posibilidade de pedir cita na sede electrónica, a Axencia Tributaria ofrece estes teléfonos de cita con atención persoal: 91 553 00 71 o 901 22 33 44 (de luns a venres, de 9 a 19 horas).
En Galicia hai 52 concellos beneficiarios deste servizo polo programa, nesta primeira fase piloto: 8 concellos da provincia da Coruña (A Capela, Frades, Irixoa, Lousame, Monfero, Santiso e Toques); 19 na provincia de Lugo (Abadín, Antas de Ulla, As Nogais, Baleira, Baralla, Begonte, Carballedo, Láncara, Navia de Suarna, O Incio, O Vicedo, Pantón, A Pobra do Brollón); 18 na provincia de Ourense (A Arnoia, A Pobra de Trives, Avión, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Entrimo, Laza, Lobios, Melón, Muíños, Riós, San Xoán de Río e Sandiás); e 7 na provincia de Pontevedra (Arbo, As Neves, Barro, Campo Lameiro, Covelo, Pazos de Borbén e Pontecesures).

PUBLICIDADE