O Meizu Zero inicia a súa campaña de micromecenado

mércores, 30 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

O anuncio de que Meizu ía lanzar o primeiro smartphone sen fisuras ao mercado, que incluso prescindiría de porto de carga e de bandexa para a tarxeta SIM, semellaba unha simple demostración de músculo, xa que trataríase dun caso de innovación que non atendería a unha demanda recoñecida polo público, e finalmente semella que Meizu pensa iso mesmo, e non comercializará este móbil de xeito tradicional, senón que decidiu ofrecelo ao mundo a través dunha campaña de micromecenado en Indiegogo.
Deste xeito, quen queira facerse cun Meizu Zero con seu correspondente cargador sen fíos terá que achegar 1.299 dólares (1.131 euros) e agardar ao mes de abril para poder ter nas súas mans este curioso smartphone que pretende facer historia ao ser o primeiro sen buratos.
Este prezo elevado sería consecuencia de que estamos ante un móbil de edición moi limitada, e non dun produto de fabricación masiva, xa que as súas prestacións non se corresponden en absoluto cun prezo tan esaxerado xa que, por exemplo, o seu procesador será un Qualcomm Snapdragon 845, ou sexa, o propio dos smartphones de alta gama do ano pasado, en vez do seu sucesor, que previsiblemente incluirán a meirande parte dos móbiles de alta gama que cheguen ao mercado a partires da celebración do Mobile World Congress.
O Meizu Zero é un terminal minimalista, cun corpo cerámico sen buratos que envolve a súa pantalla curva OLED; prescinde dos seus botóns laterais físicos mediante a adopción de tecnoloxía sensible á presión que permitirá que os botóns de volume e acendido sexan virtuais (aínda que con certa respostas háptica); para que non contar con cable de carga non sexa un problema incluirá un cargador sen fíos de 18 watts que consegue cargar a batería a grande velocidade; tamén presume de contar con tecnoloxía USB 3.0 sen fíos, para facilitar a transferencia de datos de xeito veloz entre o móbil e ordenadores persoais; carece das perforacións propias dos altofalantes ao optar pola tecnoloxía mSound 2.0 baixo a propia pantalla do dispositivo (que permite aproveitar a pantalla a xeito de altofalante e auricular para chamadas); a carencia de fisuras facilita a súa resistencia ao po e á auga (IP68); para non ter bandexa para tarxetas SIM aposta polas eSIM (ou SIM virtuais); o lector de pegadas dixitais intégrao na pantalla; e chegará coa capa de personalización Flyme 7, propia de Meizu.
Temos así que o que outros fabricantes presentan como produtos conceptuais, Meizu levarao ao mercado, aínda que de xeito limitado. Poderase comprobar así se estamos ante tecnoloxías polas que pague a pena apostar, e que poderían supor un paso máis até un hardware con deseño irrelevante, xa que cada vez son menos os elementos que podemos ver dun móbil aparte da súa pantalla.

Vídeo promocional do Meizu Zero

PUBLICIDADE