O Motorola Razr resucita cunha pantalla encartable no seu interior

xoves, 14 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Despois de que Samsung ousase a pór á venda o seu Galaxy Fold, outros fabricantes atrévense a presentar novos dispositivos con pantallas encartables, o que dende a marca Motorola aproveita para resucitar a un clásico, o Motorola Razr, teléfono con forma de cuncha que agora no seu interior presenta unha pantalla táctil flexible, de xeito que cando o dispositivo se desprega ofrece unha grande pantalla OLED de 6,2 polgadas con proporcións cinematográficas (21:9) e resolución de 2.142 x 876 píxeles, pero cando o trebello está encartado, ofrece información nunha pantalla externa táctil (gOLED de 2,7 polgadas cunha resolución de 600 x 800 píxeles) pensada para as notificacións, disparar selfies ou controlar a reprodución musical sen ter que abrir o móbil.
A nivel fotográfico, o Motorola Razr ten unha cámara traseira de 16 Mpíxeles con apertura f/1.7 que promete fotografías extraordinarias (con modos para fotografías nocturas e retratos con desenfoque de fondo), e outra frontal de 5 Mpíxeles.
Este novo móbil está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 710, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno, NFC, Wi-Fi AC, eSIM, sensor de pegadas dixitais e batería de 2.510 mAh con carga de 15 watts; é resistente a salpicaduras; ten unhas dimensións de 172 x 72 x 6,9 milímetros aberto, e 94 x 72 x 14 milímetros encartado. Inclúe uns auriculares USB-C que prometen unha grande calidade sonora grazas ao traballo de Denon Audio e a un DSP avanzado integrado.
O Motorola Razr verá a luz inicialmente a través do operador Verizon, que aceptará reservas a partires do 26 de decembro e achegarao ás tendas o 9 de xaneiro a un prezo de 1.499,99 dólares (ou 62,49 dólares/mes durante 24 meses).

Vídeo promocional do Motorola Razr

Vídeo no que Verizon anuncia o Motorola Razr

PUBLICIDADE