O Xiaomi 13 Ultra terá unha das mellores cámaras do mercado

martes, 18 de abril do 2023 Marcus Fernández

O novo móbil insignia de Xiaomi preséntase oficialmente, o Xiaomi 13 Ultra, que destaca pola súa impresionante cámara que promete colocalo entre os mellores dispositivos do mercado, aínda que tampouco descoida o resto de detalles que fan que esteamos nun dos smartphones de alta gama máis agardados, especialmente no mercado chinés, onde ten uns prezos que o fan extraordinariamente atractivo.
O Xiaomi 13 Ultra ten un procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, 12/16 GB de memoria RAM LPDDR5X, 256 GB / 512 GB/1 TB de almacenamento interno UFS 4.0, pantalla OLED Quad HD+ de 6,73 polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz e un brillo de até 1.300 nits (podendo acadar picos de 2.600 nits), refrixeración Loop LiquidCool, Wi-Fi dual de 5 GHz, altofalantes estéreo, NFC, emisor de infravermellos, Bluetooth 5.3, USB-C 3.2, resistencia IP68, marco de metal, traseira nano-tech, capacidades de son de alta resolución, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 90 watts por cable e de 50 watts por indución, así como con carga reversible.
Se non chegaba con esas prestacións de infarto, ten unha cámara deseñada en colaboración con Leica, que conta con 4 sensores traseiros, sendo o sensor principal un Sony IMX989 de 1 polgada e 50 Mpíxeles con HyperOIS, mentres que os sensores de ultra grande angular, telefoto e supertelefono están equipados os tres cun sensor Sony IMX858 de 50 Mpíxeles con estabilización óptica, unha configuración que promete unha das mellores calidades de fotografía e vídeo do mercado. As cámaras están configuradas para poder ofrecer 6 distancias focais diferentes con só 4 obxectivos, polo que poderiamos movernos entre 12 e 240 milímetros mantendo unha calidade de imaxe bastante boa, e incluso podendo gravar vídeo en 8K con calquera dos obxectivos. De feito, calquera destas distancias focais tamén sería apta para fotografías nocturnas, algo moi pouco habitual, o que é toda unha demostración de forza por parte de Xiaomi.
Este teléfono véndese en China a un prezo de 5.999 iuans (796 euros) con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, mentres que a súa configuración máis completa, con 16 GB de RAM e 1 TB de capacidade, elevaría o seu prezo até os 7.299 iuans (968 euros), polo que resultan bastante competitivos (o iPhone 14 básico custa entre 5.999 e 8699 iuans en China, e o iPhone 14 Pro Max de 1 TB tería un prezo de 13.499 iuans), mentres que en España é probable que cheguen a un prezo de 1.299 euros, o que faría máis complicada a súa penetración no mercado.

PUBLICIDADE