O iPhone estrea tenda de aplicacións de terceiros en Europa: AltStore PAL

mércores, 17 de abril do 2024 Marcus Fernández

Por fin está dispoñible a primeira tenda de aplicacións móbiles para iOS de terceiros autorizada por Apple para o territorio europeo, a coñecida como AltStore PAL, dirixida a desenvolvedores independentes frustrados por non poder publicar as súas creacións na App Store oficial por culpa das restricións impostas por Apple, e que agora teñen unha solución axeitada para levar as súas aplicacións ao público.
Esta tenda de aplicacións nace con dúas aplicacións (o emulador de consolas de Nintendo chamado Delta e un administrador de portapapeis chamado Clip) e queda aberta a aplicacións de terceiros que queiran distribuír as súas aplicacións a través desta tenda dixital exclusiva do territorio europeo e que pode instalarse directamente dende a páxina web da propia tenda.
A AltStore PAL precisa iOS 17.4 ou superior para funcionar, e curiosamente non hospeda as aplicacións que ofrece, senón que limita a súa función a facilitar a súa instalación, xa que os creadores das propias aplicacións poden hospedalas directamente tras superar o procedemento de notarización de Apple (que comproba a seguridade da aplicación). Temos así unha tenda distribuída, que abre a porta a numerosas aplicacións que é imposible publicar baixo o paraugas de Apple, como a aplicación de máquina virtual UTM (que permite correr Windows no iPad), OldOS (que recupera o sistema de menús de iOS 4, dando ao iPhone un aire retro), Kotoba (unha solución para consultar directamente o dicionario de iOS) e, moi probablemente, unha chea de emuladores que até hai poucos días estaban prohibidos na App Store.
Esta nova plataforma funciona mediante unha subscrición de 1,5 euros/anos + IVE, xa que os seus responsable teñen que pagar unha taxe de 50 céntimos por aplicación a Apple, os costes do procesamento do pagamento e os costes do servidor. Poderiamos dicir que non está pensada como un próspero negocio, senón como un xeito de facer posibles aplicacións alternativas ou aplicacións financiadas de xeito alternativo, como as que tiran proveito de campañas de micromecenado para facerse realidade. De feito a AltStore integra Patreon, o que propoñen que sexa o xeito de tirar proveito económico das aplicacións que publican, e incluso rexeitan comisións sobre as doazóns en tal plataforma, deixando claro o seu espírito altruísta.

PUBLICIDADE