O vindeiro God of War non chegará até 2022

mércores, 2 de xuño do 2021 Marcus Fernández

A coincidencia entre a pandemia e a chegada da nova xeración de consolas de videoxogos provocou que o calendario de lanzamentos de videoxogos estea sobre areas movedizas, con anuncios de adiamentos que xa non sorprenden a ninguén, como a confirmación de Santa Monica Studio de que a vindeira entrega de God of War non chegará este ano, deixando claro que o motivo deste retraso é o seu coidado pola calidade do produto final e a seguridade sanitaria.
De feito, incluso sen pandemia era de esperar un adiamento deste xogo, pois a súa presentación realizouse de xeito moi precipitado, e cun calendario moi pouco realista, xa que trátase dunha produción de grande tamaño e as expectativas dos usuarios forzan a un nivel de excelencia que non aceptaría un produto pouco pulido. Se a isto sumamos que o xogo estaba previsto para PlayStation 5, e que a consola segue sen ter unidades dispoñibles nas tendas, o seu lanzamento como título exclusivo este mesmo ano sería unha mala decisión dende o punto de vista económico, de aí que se vexa con interese as declaracións do responsable dos PlayStation Studios, Hermen Hulst, quen lembra que hai unha comunidade de máis de 110 millóns de propietarios dunha PlayStation 4 para o que non poder gozar das novas entregas de Horizon, God of War e Gran Turismo sería decepcionante, polo que deixan a porta aberta a que os seus vindeiros grandes lanzamentos continúen a ser xogos interxeneracionais.

PUBLICIDADE