O xogo en streaming de Xbox chega aos visores Meta Quest

mércores, 13 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Os usuarios de visores de realidade virtual Meta Quest 2, 3 e Pro poden por fin descargar a aplicación de Xbox Cloud Gaming, que aínda que polo momento só é unha beta, xa permite gozar do xogo en streaming de Microsoft na realidade virtual, na que se simula unha grande pantalla na que se presentan os xogos, de xeito que pode conseguirse unha experiencia bastante impresionante sen contar con consola nin televisor, valéndose unicamente dun dispositivo Meta Quest conectado á Internet e un mando de xogo (os mandos de Xbox e PS4, así como o Nintendo Switch Pro con compatibles, estando prevista a compatibilidade con mandos de PS5 no futuro).
Para poder gozar do xogo en streaming é preciso contar cunha subscrición a Xbox Game Pass, e non só evita a necesidade dunha consola e un televisor, senón que tamén aforra a molestia de ter que instalar os xogos, que a través da nube cargan a grande velocidade.
Aínda que esta aplicación está deseñada para o seu uso en realidade virtual, os usuarios que teñen Meta Quest 3 ou Pro poderán aproveitar as cámaras exteriores a cor do visor para converter o xogo nunha experiencia de realidade aumentada, na que poden ver o seu contorno, no que aparecerá unha pantalla cos centos de xogos do servizo de Microsoft.

Vídeo promocional do xogo na nube de Xbox en Meta Quest

PUBLICIDADE