Oito proxectos do CITIC son aceptados na convocatoria de Xeración de Coñecemento 2022

martes, 12 de setembro do 2023 S. P.

Inserida no marco do Programa Estatal para Impulsar la Investigación Científico-Técnica y su Transferencia, dentro do Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación 2021-2023 atópase a convocatoria de axudas 2022 a Proyectos de Generación de Conocimiento e a actuacións para a formación de persoal investigador predoutoral asociadas aos devanditos proxectos. No Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) foron aceptados oito proxectos para optar ás devanditas axudas, os cales suman máis dun millón trescentos mil euros concedidos para o seu desenvolvemento. O tempo de duración do financiamento para cada proxecto será de 3 a 4 anos, segundo sexa o caso.
Cómpre dicir que estas achegas teñen como finalidade financiar a realización de proxectos de investigación centrados en fomentar a xeración e o avance significativo do coñecemento científico e a investigación de calidade contrastada; amais de impulsar a procura de solucións aos desafíos da sociedade.
Volvendo ao CITIC, na área da Intelixencia Artificial (IA) presentaron traballos Álvaro Barreiro García e Javier Parapar López, José Luis Calvo Rolle e Héctor Quintián Pardo, David Vilares Calvo e por último Margarita Alonso Ramos. No ámbito de Ciencia e Enxeñería de Datos (CID) foron Miguel Ángel Rodríguez Luaces e Susana Ladra González por unha banda, e Carlos Vázquez Cendón pola outra. Na Computación de Altas Prestacións (HPC) presentaron conxuntamente Juan Touriño Domínguez e Gabriel Rodríguez Álvarez; e en Servizos e Redes Intelixentes (SRI) Luís Castedo Rivas e José A. García Naya.

PUBLICIDADE