Overwatch supera os 7 millóns de xogadores

venres, 3 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Nas últimas semanas chegaban ao mercado un par de xogos con propostas semellantes, Battleborn de Gearbox (responsables da franquía de Borderlands) e Overwatch de Blizzard (empresa líder nos xogos en liña), pero finalmente a batalla entre ambos títulos foi moi desigual, e Battleborn xa tivo que iniciar rebaixas de prezo para poder manter o seu volume semanal de vendas, mentres que Overwatch vai camiño de converterse no xogo estrela do vindeiro verán tendo superado xa os 7 millóns de xogadores que acumularon máis de 119 millóns de horas de xogo nas súas versións para PC, PS4 e Xbox One.
Este xogo en liña de acción en primeira persoa na que o usuario métese na pel dun dos 21 heroes protagonistas está a converterse non só nun produto de éxito, senón que o seu universo futurista e o carisma dos seus personaxes está a evolucionar nun fenómeno de masas, como demostra o feito de que as convencións de cultura popular xa conten con numerosos cosplays destas figuras tan recentes.
Un detalle a salientar de Overwatch é que o seu modelo de negocio non se basea só na compra do xogo, senón tamén de caixas de botín, que poden gañarse no xogo ou mercarse con cartos reais, e serven principalmente para personalizar os personaxes. Ao estarmos ante un xogo baseado no nas partidas en liña, e na formación de equipos de heroes recoñecibles, a personalización da estética dos personaxes é un importante valor para os xogadores máis dedicados.

Overwatch conta cun total de 21 heroes moi carismáticos

PUBLICIDADE